Restaurante Algueirada, en Santiago de Compostela: ese sitio que tes sempre a man

aguiar.jpgCando o domingo, o camareiro nos presentou esa pescada fresquísima para acompañar ao noso arroz á banda, soubemos, unha vez máis, que este era un restaurante de man. ¿Que é un restaurante de man? Aquel lugar no que un se sinte seguro, tranquilo, e que sempre sabes como vai saír a comida da cociña. Ese lugar ao que podes ir se te espertas, un sábado, máis alá de calquera hora razoábel para un ser normal. O lugar ao que vas cando simplemente queres estar en confianza, que buscas a calidade e a seguridade, o non fallar. Como un útero gastronómico. O Algueirada, coma o Paz Nogueira, quédanos moi preto da casa: son cociñas e fogóns que case identificas como propios. E os dous teñen en común o pracer da cociña intemporal, o dun recetario clásico que nos marca a memoria, a pel, o gusto, a nosa forma na que afrontamos a modernidade.

O restaurante A Algueirada é algo así. Coñecino non sei moi ben como, se cadra por recomendación de Xosé Ramón Pousa. Poderíase ser só un restaurante do extrarradio con hotel para xubilados de excursión. O edificio está apoiado nas abas do castro de Santa Lucía, na saída de Ourense. Pero é moito máis. Unha especie de recetario enorme da cociña galega tradicional, con dúas premisas: un servizo impecábel, ao estilo picholeiro, con camareiro de acento dos concellos próximos a Santiago, discreción, rapidez e paxariña con chaleque, e un produto esixentísimo, coidado, de primeira. Porque este é un restaurante dos máis picholeiros que un se poida imaxinar: de comunións, de comidas de empresa, de celebracións de cumpreanos de avós de cen anos, de saídas familiares de pais e fillos que comen en silencio. Si, un restaurante que aparece con moita frecuencia en Vida Social Gallega e El Correo Gallego, con fotos de cincuentóns rufos polo mencía e o ribeiro.

Aquí as estacións existen, pero non unicamente como cociña de mercado, de produtos básicos, senón sobre todo coma o calendario das receitas que resumen a nosa identidade gastronómica tradicional. No inverno descubres unha fermosa cachola e unhas enormes orellas. No verán, aparece, coma o outro día, un impresionante salpicón de marisco. No inverno o propietario, Miguel González Aguiar, especialízase no cocido. É un home cavilador, escrupuloso, sempre preocupado pola calidade do produto que sae pola porta batente. Por suposto, coñecerás o enderezo de casas de comidas galegas nos que se fan cocidos impresionantes. Pero o que se sirve aquí os domingos do inverno, en cantidades absolutamente inabranguibles, é de nota por un prezo de 12 ou 13 euros. Os viños son unha pequena, pero boa escolla de clásicos galegos, firmas fiables, como todo por aquí. E todo a un prezo moi razoábel. Só entrando en mariscos poderás pasar dos trinta euros por cabeza, pero Aguiar adoita ter propostas de estación asequíbeis e abundantes, como a lamprea, as semanas dos arroces…

Un lugar para levar a un avó ou para calarlle a boca pais que xa te asustan cando din o típico tópico de que “só vas a eses- restaurantes- modernos-que-póñenche -todo – moi-bonito- pero-non-dan- de- comer. Ou para celebrar a vida cos amigos ao redor dun cocido e un amandi…

Debíalle este post desde hai anos, ao Algueirada.

One Comment

  1. Anónimo
    7 / Xuño/ 2007

    Terei que darlle unha visita, xa me fixeches a boca auga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará