48 horas explorando a Vida en Doñana

donana_1.jpg
Fotografando unha salmántida. Fotos: Manolo, Sole, Xurxo

Baixo un sol cegador, percorremos a enorme extensión do Espazo Natural de Doñana, uns 1.000 quilómetros cadrados. Non son un experto en bioloxía, pero apaixóname a vida como sistema, como unha imbricación de minerais, de auga, de clima, metereoloxía, especies e individuos concretos destas. E, desde logo, non hai moitos ecosistemas na Península nos que se poida apreciar tan doadamente a imbricación destes elementos e a relevancia de cada un deles. As pequenas manchas e cursos de auga, en forma de lagoas e mariñas, permiten aquí a eclosión da vida en microespazos reducidos, rodeados de monte baixo, branco e negro, como lle chaman alí. Vida na beira mesma da desolación, facilmente vulnerábel e influenciábel: as mínimas elevacións da superficie provocan cambios notables da flora en a penas metros. As diferentes especies viven en pequenos ecosistemas perfectamente localizados; é doado observar -comprender- o seu comportamento tan só sentándose e deixando que, que pouco a pouco, o telón do teatro da Vida suba e se impriman diante dun as liñas deste gran libro. Aquí vai unha crónica -con moito aparello gráfico- sobre Doñana.

A area
Unha enorme parte do solo de Doñana é praia. Praia antiquísima. Avanzamos polas pistas quilómetros cara o interior do parque. Baixo a capa vexetal, os nosos pés seguen a atopar area, cunchas, pedriñas como na beiramar. Foi un estenso proceso de sedimentación, que elevou e consolidou dunas de area con toda sorte de árbores e arbustos. O resultado é fascinante e marabilloso. As enormes praias do litoral do Parque limítanse con cantís de máis de dez metros de altitude, como na Costa da Morte, pero de area. A diferencia de altura entre as dúas praias, a da beira do mar e a de enriba do cantil, é froito dunha movementos xeolóxicos moi rápidos que elevaron o nivel da terra.

donana_2.jpg

Os cantís están formados por area prensada, que ves desfacerse ao momento, sometidos á erosión dos fortes ventos que á noitiña chegan deste Atlántico Sur. Isto dálles unha moldura especial, cheos de furnas, pegadas, ocos, e sobre eles surfean enebros. Aínda así, os lóxicos procesos de erosión provocan efectos curiosísimos: mirade esta torre almenara do século XVI, erguida para protexer á costa do berberisco e outros piratas:

donana_3.jpg

A torre quedou na beira do mar, e o cantil que a soportaba retrocedeu vinte metros para atrás. A mesma torre estaba feita de area: a súa cimentación, en realidade, son cunchas prensadas. Co peso, cedeu coma un flan.

A ‘sabana’

Penetrar no interior do espazo protexido faite lembrar inmediatamente a unha paisaxe africana. Cos pés cheos de area polos camiños, ao teu redor só hai arbusto e pinos -plantados no XVIII-, espaciados e separados. Os solpores, co silencio único, sen casas en toda a túa vista, son incríbeis:

donana_4.jpg

…a esta hora, ao solpor, prodúcese un fenómeno marabilloso. Aquí, a dez quilómetros da costa, atópaste rodeado de centos de escarabellos do tamaño dun pulgar, esfuracando a toda presa refuxios na area antes de que se poña o sol, nun estrés colectivo e case sincronizado. Entran e saen do buraco, empurrando coas patas traseiras o material sobrante para o exterior, nunha carreira frenética antes de que chegue a escuridade. Hai que andar con sumo coidado para non provocar un insecticidio.

donana_5.jpg

Unha escuridade que tamén pon nerviosas ás enormes formigas, creadoras de paisaxes dignas de Dune na superficie de Doñana:

donana_6.jpg


Altos voos

Pero Doñana é moi coñecida pola observación ornitolóxica. Para un galego, é sumamente divertido descubrir parentes de especies habituais por aquí, ou observar con calma outras que en Galicia parecen máis fuxidías. Outras, novas, marabillan. Non vos podo ofrecer unha foto do fermosísimo abejaruco, unha pequena ave do Paraíso. Pero outras fermosas especies fican aquí:

donana_7.jpg

donana_10.jpg
Unha bubela cunha oruga.

donana_9.jpg
Un aguiucho das lagoas (á esquerda)

O prato forte, sen embargo, é a situación estratéxica de Doñana entre África e Europa. Numerosos afeccionados acuden na época das migracións ás lagoíñas da zona para ver o espectáculo das grandes viaxes continentais. Moitos deles, como as garzas, xa residen todo o ano.

donana_8.jpg

As propias lagoas sufren unha agresión derivada da falta de educación medio ambiental. Moitos propietarios de tartarugas domésticas abandonan aquí aos seus galápagos. Parece ser que as tartaruguiñas de feira son ultraagresivas cando as deixan ceibas. A súa proliferación é un problema grave.
donana_11.jpg
Unha tartaruga doméstica e unha focha común

En Doñana un pode descubrir todas as prantas aromáticas no seu esplendor. Moitas coñécelas, coma o romero ou o tomillo. Outras é fermosa velas no seu estado orixinal e indomábel, como a vide silvestre, capaz de gabear árbores e liar bosqueciños enteiros coas súas ponlas. Aquí vemos un exemplar, xa cos acios comezando a medrar cara setembro:

donana_vides.jpg

Ao solpor, mosquitos como cabalos emerxen das lagoas. O antigo paludismo dos pobres habitantes da antiga rexión é hoxe só un tópico, pero a fereza destes cabalos chuchasangue espertan a sensación de que os enormes paramos, pantanos, devesas, praias deste privilexiado lugar do sur da Península gardan a vida intensa, agresiva e explícita de quen vive ao borde do abismo da extinción. Un lugar para camiñar en mil direccións. E nós só fixemos 48 intensas horas.

3 Comments

  1. Santi
    23 / Maio/ 2007

    Envexa me dades…

    Saudiñas e unha aperta dende acó, ao pé do castelo de Windsor.

  2. 23 / Maio/ 2007

    Nótase que algún dos teus amigos é biólogo ou algo así. Miña curmá, que é ornitóloga, cada vez que ve un paxaro fai a descrición minuciosa, o nome en latín, de que se alimentan, como viven e que estamos facendo os homes ao cambiarlle o ecosistema… jaja. Son retales familiares.

    un saúdo
    Serafin Alonso

  3. 23 / Maio/ 2007

    Un saúdo, Santi!

    Efectivamente, Serafín: máis que amigo, é irmán, que combina profesión -biólogo- con afección -bioloxía-. É o que aparece na primeira foto do post. E a min, que me gusta a arqueoloxía e como o home humaniza o territorio, compenetrámonos perfectamente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará