De tapeo no Portichuelo de Huelva: cando o choco é o rei dos mares

choco.jpg
Ovas de choco e albóndigas de lura no Portichuelo (Huelva). Foto: Sole

O choco. Aínda que na nosa cultura mariñeira o calamar é unha contundente e sabrosa base para arroces e guisos, sempre me sorprendeu como non se lle concedía -cando menos nas vilas da ría de Arousa que eu coñezo- o mérito ás súas deliciosas ovas. Na miña casa as ovas de choco -e de pescada- foron un empeño particular do meu pai -se cadra importadas dalgún destes portos sureño. As ovas de choco, á prancha, sen moito aderezo, directas no seu sabor. As de pescada, mesturadas con aceite de oliva virxe, cebola, pemento, pura marabilla das noites con viño albariño. O outro día Antonio e Manolo -vinte e pico anos sen velos- leváronos de tapeo polas rúas do centro de Huelva.

Entre xamón da Serranía, con manzanilla suave e conversadora, chegamos ao Portichuelo, un restaurante de sona e solera na cidade. Pouco a pouco foron saíndo tapas da cociña, orquestadas entre Manolo -un home de bo dente e filosofía vitalista- e o encargado, que lle valoraba sinceramente a calidade do produto que tiña na cociña. Viñeron voando magníficos xamóns, sabrosísimos revoltos, queixo intenso das ovellas e cabras destes montes duros. E tamén apareceron estas dúas xoias: unhas fantásticas ovas á prancha e outras albóndigas de choco picado. A reivindicación da versatilidade e a sabrosura deste Atlántico sureño.

Localización do Portichuelo en Capítulo 0 Mapas

2 Comments

  1. 22 / Maio/ 2007

    Pois teñen boa pinta as tapas…e por alí abaixo como vai o tema? páganse caras as tapas/racións?

  2. 22 / Maio/ 2007

    Pois máis ou menos como aquí, non cambia moito. Iso si, o tapeo é realmente unha institución.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará