La cocina del pensamiento de Josep Muñoz Redón: o equilibrismo divertido das estrañas parellas de baile

arcimboldo_cadros.jpg
Dúas alegorías de Giusseppe Arcimboldo.

A gastronomía é a arte de condimentar os alimentos para producir felicidade (…) A filosofía defínese polo enxeño de cociñar ideas para obter preguntas.

Josep Muñoz Redón avísanos no prólogo de La cocina del pensamiento da manobra de equilibrismo retórico que está a punto de comezar. E non é para menos. A ver. Este debe ser un dos libros máis raros que lin ultimamente, e mira que lle metín dente a extravagancias. É un libro gastronómico. É un manual de filosofía para estudantes coa selectividade superada con nota. E é un diccionario de humor intelixente e finura irónica. O autor proponse observar o pensamento filosófico como unha receita ou como un procedemento de cultivo. E obtén un ensaio de curtiños ensaios nos que se achega ao xeito de pensar de famosos pensadores da historia, sempre coa mesma estrutura. Unha disertación na que mestura biografía, datos íntimos do filósofo e imbrícaos coa súa obra e pensamento para proseguir, de seguido, cunha receita de cociña inspirada na vida e obra do filósofo e remata cun “enigma para a sobremesa”, habitualmente un problema de lóxica ou matemática.

O que un sospeita ao principio confírmase no desenvolvemento deste ensaio de Muñoz Redón. Os ingredientes non maridan demasiado, cociña e filosofía, e ás veces a relación está absolutamente collida con pinzas. ¿É un puro exercicio esteta? Se cadra. Pero ocorre unha cousa: tampouco o precisa. Porque o humor sereno e profundo que salpica o libro nace da mesma paradoxa da peculiaridade deste volume. Só así, a risa partida, un pode asistir ao prólogo da receita do Caldo baleiro, proposta a partir da filosofía de Heidegger e a súa necesidade do aburrimento como elemento que provoca a necesaria “consciencia da temporalidade”:

“Pódese comprobar o paso maino e inexorábel do tempo facendo un caldo coma os de antes, que precisa dunhas catro horas de traballo. ir observando como os diferentes ingredientes van diluíndose no líquido lentamente é unha vivencia do aburrimento que pon a proba a resistencia de calquer cociñeiro. O resultado final, o caldo baleiro, é un modelo do baleiro existencial que provoca un diálogo cheo de preguntas sobre que facemos bebendo un “auga” baleira/chea de contido froito dunha longa cocción de 18 ingredientes entre verdudas e carnes: é unha metáfora gastronómica da nosa sociedade que despreza o baleiro e persegue unha plenitude quimérica que se lle escapa (…)”

Eu creo que Josep Muñoz Redón é, esencialmente, un cachondo.

E que por iso mesmo é quen de diseccionar os métodos de pensamento e traballo de Pitágoras, Descartes, Sade, Rousseau, Bacon, Galileo, Walter Benjamin, Kant, Heidegger, Platón, Sócrates, Nietzche, Voltaire, Sartre ou La Mettrie ao abeiro das súas preferencias gastronómicas. Redón consegue desconcertarnos páxina tras páxina, e avanzar no método filosófico desde unha pespectiva divertida, esencialmente luminosa e precisa; pode haber algúns problemas técnicos na redacción de La cocina del pensamiento, pero compénsanse coa ironía dun apaixonado pola filosofía e por desolemnizar as tarefas do pensamento.

One Comment

  1. FIN
    16 / Maio/ 2007

    Esta obra de Arcimboldo atópase no Louvre en París. Tiven a oportunidade de vela o primeiro domingo deste mes (cando se entra de balde nos museos) e que coincidiu tamén coa vitoria do colega Nicolà.
    Cando a contemplei sentín esas cóxegas pola barriga. E non era emoción, senón unha fame de can, pois levaba xa 4 horas no museo sen levar nada á boca. Indignante, pero certo…
    Un saúdo Manuel

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará