Arto Paasilinna: costumismo e parodia delirante en Delicioso Suicidio en Grupo

Last updated on 1 / Maio/ 2007

arto.jpg
O escritor finés Arto Paasilinna

Cando lles pregunto aos meus amigos finlandeses por Arto Paasilinna, eles sempre me din: “ah, si, está ben, pero é un pouco folkie de máis, eh?“. É certo: Paasilinna ten moito de certo costumismo amábel da novela europea do século pasado, pero pasada por un matiz excéntrico e relativista, moi galego, que converte o humor nunha auténtica técnica para facer críbel o esperpento argumental das súas novelas. Si, Paasilinna manexa determinados tópicos que facilitan o consumo internacional das súas novelas: os bosques, as cabanas de verán ao borde dos lagos, os granxeiros, os militares, os renos, a querencia pola borracheira de fin de semana, as festas do espertar da primavera, etc. Pero non é nada que un non aprecie coa ollada do foráneo nada máis chegar a Finlandia. Son riscos identitarios evidentes como o noso minifundio ou as festas gastronómicas, por exemplo. Este “ex gardabosque, ex xornalista, ex poeta” vive unha época de ouro co éxito das súas novelas, baseada neste costumismo de raiceiras campesiñas, pero que demostra superar ao ser quen de trasladar a súa ollada surrealista, relativisma e amábel ao mesmo tempo a outros contextos e escenarios.

Deste xeito, en Delicioso suicidio en grupo, Paasilinna é quen de converter o drama nacional finés da elevadísima taxa de suicidios -que aquí rapidamente nos apuramos a explicar con explicacións moitas veces peregrinas- nunha divertidísima novela sobre a soedade, a amizade e as gañas de vivir. Un par de aspirantes a suicidas finlandeses prototípicos -empresario fracasado e militar de alta graduación- deciden colocar un anuncio no xornal para xuntarse con outros suicidas e racionalizar o proceso finalista: deste xeito, os avogados sairían máis baratos e poderíanse buscar solucións máis efectivas a todas as incomodidades da morte, ademais de facer máis agradábel o desenlace a partir do intercambio de opiniones ao respecto. O numeroso grupo de suicidas que decide participar na peripecia acaban por percorrer toda Europa, desde o Cabo Norte en Noruega ata o Cabo de Sagres, no Algarve, nunha sorte de aventura surrealista e delirante. Obviamente, a viaxe axuda aos suicidas a recompoñer as súas vidas e permite amosar a receita de Paasilinna ante o problema: unirse fronte á soedade e ao illamento, porque toda persoa pode encaixar con outra ou outras nun contexto diferente. Un libro para botar gargalladas solitarias, para non perdelo.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará