Comedia con fantasmas, de Marcos Ordóñez: minuciosas vidas de farándula

Last updated on 25 / Abril/ 2007

ordonez.jpg
O escritor e crítico teatral Marcos Ordóñez

Ás veces algúns libros cumpren a súa función de esvasión. Comedia con fantasmas, de Marcos Ordóñez, xustificoume a fuxida doutro libro que me mortifica soberanamente pero que estou condenado a ler en pouco tempo. E teño que dicir que poucas veces teño o pracer de ler un libro tan ben escrito. Si, esas dúas palabras. Ben escrito. Un libro que destila técnica por dous dos costados, enxeño polo outro e documentación no que falta. A través da historia da vida do cómico Pepín Mendieta -un trasunto de calquera cómico da xeración que poboou o primeiro cine de humor da posguerra española, un Tony LeBlanc, un Landa, un Ozores-, o crítico teatral Marcos Ordóñez introdúcenos nun mundo que coñece ben, porque é biógrafo autorizado de varias das grandes figuras do teatro español, como a Nuria Espert: a dos actores e actrices que encheron os escenarios do teatro español durante o século XX.

Na novela, Ordóñez consegue outorgarlle intriga a unha biografía ficcionada, que se le con ansia; veracidade a un mundo de ficción que debe estar cheo de pequenas anécdotas verdadeiras; suntuosidade literaria a unha historia profesional, a dos teatreiros. Un non pode resistir teclear algunhas das personaxes en Google, porque están tan ben pintadas que tiveron que existir. Como moitos dos grandes libros que duran centésimas nos andeis das librarías, non atoparás moita información na rede sobre a Comedia con fantasmas de Ordóñez, pero está aí, nun gran lugar da narrativa. Con el asistimos á toda a reformulación do teatro español arrastrado polo cinema: con Mendieta coñecemos a relación de amor e odio con Pombal, un dramaturgo de habilidades prodixiosas e ambición teatral desmedida que se convirte na figura enigmática da novela. E baixamos aos escenarios do mundo, para ver como pasan con detalle, humor, memorialismo e pouca melancolía. Fantástica lectura para este inicio da praia.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará