Comer y beber a mi manera, de Manuel Vicent: o gozo da memoria saboreada

Last updated on 3 / Abril/ 2007

vicent.jpg A madalena máis degustada da historia foi, sen dúbida, a de Proust. A todos nos gusta o proceso involuntario de que os recordos cheguen por onde un non os agarda, como un sabor esponxoso ao almorzar. A nosa cultura educounos demasiado nesa memoria case textual, case visual. Os outros sentidos vánsenos pouco a pouco esquecendo. Ata que chega o cheiro a balor, o fume dunha pranta queimada nunha leira, o sabor da salchicha frankfurt cutre que che puñan no comedor escolar, a arxila dos túneles percorridos cando neno, e comezamos a descubrir esa memoria, aparentemente tan inexacta para os cánones académicos, pero tan precisa, tan incisiva no persoal.

Cando o escritor valenciano Manuel Vicent escribe Comer y beber a mi manera fai unha aserción de vontade. Non sei que estrutura ten este libro, máis que o sentido gozoso de vivir, a rememoración da infancia, a compilación caótica de receitas mediterráneas, as cocas con aceite e tomate, o humor, o capricho, e mesmo os rituais maniáticos da idade ben madura. Se un busca información, deberá asumir a dispersión. Deberá aprender a rir co libro, cousa que ás veces se nos esquence. E un atopará a cara feliz de Vicent. Coñecín persoalmente ao escritor en Bos Aires, e rinme con el. Estaba acostumado aos seus artigos esencialistas, mitolóxicos, broncos nos feitos, graves, case seminais de El País. Pero en Bos Aires, Vicent era como neste libro, como en Comer y Beber a mi manera, aínda que de aquela só debera ter escritos retallos. ¡Que bo, que raro é atopar escritores con tanta carga de profundidade, capaz de amosar mil diferentes caras creativas! ¡Tantas veces vexo a tantos atrapados na súa propia personaxe!

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará