Canibalismo no Courel: como as pizarreiras van acabar con este territorio

pizarreiras_courel.jpg
Unha canteira de pizarra á esquerda e a Devesa de Rogueira á dereita. A Devesa unha das maiores fragas atlánticas de Europa.

Quedeime seriamente preocupado polo avance que vin, desde a miña última visita ao Caurel, na estensión das pizarreiras. Unha delas achégase perigosamente mesmo á capital do Concello de Folgoso do Courel, devorando monte e monte. A polémica das canteiras de pizarra acada nestes concellos -tan ricos en biodiversidade, tan empobrecidos a nivel económico- dramáticos tintes de canibalismo. A pizarra é diñeiro rápido e doado, baseado na pura depredación do territorio, e vai rematar co futuro desta comarca en ben pouco tempo. Moito faise coa aquiescencia dunha poboación que, de súpeto, aprecia nóminas fixas fronte anteriores, flutuantes e miserábeis beneficios agrícolas. Só nóminas, por suposto: como todas estas empresas de depredación, as canteiras non valeron nunca para xenerar ningún tipo de empresa de servizos adicional e cando rematen con todo -antes de que os fillos dos que agora traballan na canteira sexan adultos-, estas vilas quedarán desertas e sen nada. Un graffiti nunha marquesina que sobresae nun souto de castiñeiros: “Vamos comer turismo”. Parece que estou a escoitar a discusión na taberna ou nalgún local social. Algúns ecoloxistas ameazados, agredidos, unha poboación dividida. Unha triste discusión de explotación caníbal, na que non é doado convencer, na que a palabra sostenibilidade é unicamente un abstracto argumento de burócratas fronte á inmediatez da falta de recursos económicos.

O que me inquietou aínda máis é que, segundo me acaban de comentar, as pizarreiras seguen adquirindo terreos a toda présa para facer máis canteiras no Caurel a pesar de que, a día de hoxe, están paralizadas todas as licenzas de apertura de novas explotacións. E iso lévame a preguntarme: “¿que raio están a agardar?”. Só me queda unha única conclusión e unha actitude: sentirei vergoña se pertenzo á xeración que permitiu que aniquilaran un lugar tan fermoso.

2 Comments

  1. 21 / Marzo/ 2007

    O que me parece incrible é que no territorio onde se da a maior
    biodiversidade de Galicia non haxa ningún veciño que traballe no Medio
    Ambiente (Declaracións da plataforma SOS Courel). A verdade é que en certas
    zonas moito se fala de desevolvemento sostible, etc., mais poucas
    actuacións se ven
    para que a xente dos pobos vexa que é posible vivir deso, o demais son
    palabras bonitas e brindes ó sol. A administración ten que dar exemplo e
    demostrar que se pode vivir deso. Despois a iniciativa privada ten que
    apuntalar o proceso. Mais si en zonas como o courel a administración non fai
    nada, …

  2. 22 / Marzo/ 2007

    Estou bastante de acordo, Xavier. Faláronme do inicio de actividades na comercialización de produtos agrícolas elaborados, como tarta de castañas, ou similar. A clave é recuperar a moitos dos mozos, pero o problema é que non se pode comparar a seguridade dunha nómina coa incerteza da flutuación turística.

    Por outra parte, a constitución dunha fértil industria do turismo é posíbel en comunidades pequenas. Hai pouco, en Alquézar (Osca) puiden ver que iso creaba riqueza en certo volume de poboación. O Courel debería ensaiar técnicas efectivas de todo isto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará