Por terras do Somontano: Alquézar, o tesouro agachado do río Vero

alquezar.jpg
Vista de Alquézar

Dobrar a estrada e atoparse, de súpeto, con Alquézar, esta viliña aillada dos camiños do Somontano. Hai poucas paisaxes na Península nas que a acción humana se mesture coa natureza de forma tan emocionante. A vila aproveita a corda dun monte que leva ata un penedo onde está o antigo castelo dos árabes, o Al-Qasar que marcaba a fronteira entre Oriente e Occidente antes do cambio de milenio. E, ao redor, por simas profundas das que non se ve o final, corre o río Vero, furando a orografía coma un foxo inexpugnábel que envolvera parte da vila. A vila é capital do turismo de aventura: rafting, barranquismo…e atópase nun excelente estado de conservación. Neste territorio aragonés, tan propenso á despoboación, os deportes de risco outorgáronlle unha segunda oportunidade á vila. En Alquézar aínda hai vida, e as patas dos porcos bravos cazados -supoño que cumprindo algún ritual- penduran dalgunhas das portas. As portas, que fermosura de portas:

alquezar_3.jpg
Vista da Colexiata de Alquézar desde a base do penedo

Pero a vila garda o seu máis fermoso segredo nas ruínas do antigo castelo. É a Colexiata de Alquézar. Construída na Idade Media, o recinto aproveita os muros da fortificación para edificar os seus volumes irregulares. O claustro é para perderse. Reconstruído a partir do século XIV, aproveitando elementos anteriores, é unha fermosa lección de arte medieval, renacentista, barroca. Boa parte do claustro está recuberto de pinturas realizadas entre o século XV e o XVIII. Parece mentira que tantas cousas marabillosas estean comprimidas nun espazo tan reducido. Todo é a sensación das pequenas cousas, como este soldado con esas gafiñas chamadas quevedos neste fresco do século XVII…

colexiata_quevedos.jpg
O soldado con quevedos está á dereita de Xesucristo

…ou esta minúscula escena do martirio dun misioneiro en Oriente nun chineiro dunha capeliña…

col_chineiro.jpg

ou os relatos da creación contados nos capiteis románicos, dos que poderiamos falar un montón. Este é un pequeno paseo polo claustro:

Enriba, a pequena pinacoteca é un museo en miniatura, con obras dunha calidade excelente para unha remota colexiata: tres táboas da escola aragonesa e influencia flamenca do XIV e XV, cadros de Murillo, anónimos de influencia velazqueña. Camiñamos por este lugar fascinante, máxico, atrapador, como se espiaramos por un pequeno buraco no que se entrevira o Aleph.


Unha completa visita virtual á Colexiata de Alquézar

3 Comments

  1. 5 / Marzo/ 2007

    Menuda sorpresa me he llevado con la web de la Colegiata de Alquézar, nunca me hubiera imaginado que tendrían algo así…
    Maravilloso descubrimiento, pero esta vez me refiero a Alquézar, no a la web…

  2. reflexf4
    6 / Marzo/ 2007

    Tes razon, vaya virgueria de portas.

  3. 16 / Xuño/ 2008

    cam free myspace.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará