Os cínicos non serven para este oficio (sobre o bo xornalismo)

berger_kapu.jpg
Os escritores John Berger e Ryzard Kapuscinski

Non, non penses que vou falar do caso José María García, aínda que o título do post iría que nin pintado. Refírome, máis ben, ao opúsculo de Ryszard Kapunscinski, Os cínicos non serven para este oficio. Sobre o bo xornalismo. O pequeno volume -130 páxinas- recolle o resultado de varias conversas e coloquios mantidos con Kapunscinski por parte de investigadores e xornalistas en Italia, e remata cunha conversa entre o polaco e John Berger.

Sexa porque o libro é o resultado dunha transcrición da conversa oral, sexa porque o propio estilo narrativo de Kapunscinski fuxía de calquera esgo de pedantería, o libro lese coma os consellos dun avó. E fronte aos que cren que o saber se fai máis complexo conforme máis o dominas, Kapunscinski ofrece unha lección auténtica de humildade, intelixencia e luminosidade sobre a práctica do xornalismo. Se cadra, os profesionais máis novos da comunicación pensarán que algúns dos consellos do vello son banais e lóxicos: non o son. Son guías sorprendentes para manter a cabeza fría nunha profesión na que, segundo o propio escritor e xornalista polaco, “hai que sacrificar unha parte de nós memos, porque convivimos con ela 24 horas ao día”. Ocorre como con algúns refráns, que non os comprendes ata que non sufres as consecuencias e de súpeto cobran sentido real. O libro remata co coloquio con John Berger, o notábel labrego da literatura e da arte. Escolmei algunhas citas luminosas do libro que podes consultar dentro do post.

RK: “O xornalismo está atravesando unha gran revolución electrónica. As novas tecnoloxías facilitan enormemente o noso traballo, pero non ocupan o seu lugar. Todos os problemas da nosa profesión, as nosas cualidades, o noso carácter artesanal, permancen inalterábeis. Calquera descubrimento pode axudarnos, pero non poden ocupar o espazo do noso traballo, da nosa dedicación ao mesmo, do noso estudo, da nosa exploración e busca”

RK: “…ese é o momento no que se converte un nun xornalista estábel. Non será o noso director quen o decida, senón os nosos lectores…”

RK: “Non hai xornalismo posíbel á marxe da relación cos outros seres humanos. A relación con seres humanos é o elemento imprescindíbel do noso traballo. (…) Para exercer o xornalismo, ante todo, hai que ser un bo home (…) As malas persoas non poden ser boas xornalistas. Se se é unha boa persoa, pódese tentar comprender aos demais, as súas intenciónas, a súa fe (…) e converterse, inmediatamente, desde o primeiro momento, en parte do seu destino”.

JB: “Os labregos falan sempre do pasado, ás veces ata demasiado, pero fanno para atopar as mellores solucións a problemas verdadeiros, a perigos absolutamente imprevisíbeis que deben afrontar cultivando a terra ou coidando o gando. Xa que logo, observan o pasado como outros consultan os diccionarios ou as enciclopedias”.

RK: “Durante cinco mil ou sete mil anos de historia escrita, vivimos unha soa historia, a que creamos e a que participamos. Pero desde o desenvolvemento dos medios de comunicación do século XX, estamos vivindo dúas historias distintas: a de verdasde e a creada polos medios”.

5 Comments

  1. 27 / Febreiro/ 2007

    Cando teremos un John Berguer do noso rural?

  2. 27 / Febreiro/ 2007

    Refíreste á mítica suposta novela definitiva sobre o rural galego? Eu creo que a está a escribir D. Sebastião. ;-)

  3. 27 / Febreiro/ 2007

    Ise señor non morrera en Alcazarquivir? Ou esta vivo?

  4. 27 / Febreiro/ 2007

    Coñecín a Kapuscinski pola famosa cita do cinismo en boca de Xulio Villarino e despois fun apaixoado lector…un dos meus favoritos: Ébano, un exemplo moi válido e revelador de como hai que ir polo mundo en tódolos sentidos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará