A viña de Xabi, en Santiago: caos divertido (e saboroso) no corazón da Zona Nova

Last updated on 26 / Febreiro/ 2007

a_vina_de_xabi.jpg
“Pintoresco” interior de A Viña de Xabi

Xa teño falado neste blog sobre a avidez de sitios novos para comer que caracteriza os compostelanitas. Eu creo que o xeito no que se coñecen sitios novos na cidade segue un proceso similar ao do tsunami, dividido en fases cada vez máis crecentes. Fase A: Primeiro, ti escoitas falar do restaurante en conversacións casuais. Fase B: Logo un amigo que xa foi recoméndacho. Fase C: Rematas ceando alí, varias noites, sen saber moi ben como chegaches. Fase D: E, por último, alguén acaba organizando a cea de empresa de Nadal alí e acaba saíndo en Vida Social Gallega como decorado de señores con coloretes e garabatas misteriosamente desprazadas.

Algo así está a pasar coa Viña de Xabi (San Pedro de Mezonzo, 5, 981940071, sobre 23 euros), que a min me colleu na Fase B, ou sexa, avisoume Rosa, e foi como a confirmación dese rumor que xa viña escoitando por aí e do que tamen falou Foucellas. A Viña de Xabi é unha nova alternativa na zona nova compostelana, ese devastado territorio sempre algo coxo de locais informais, máis ou menos modernos, onde comer rico a prezo moderado. A Viña de Xabi é un novo local fundado onde estaba o antigo Etcétera, o famoso bar montado por Javito, o concursante de Gran Hermano. Xa non é tanto bar como viñoteca, e xunto co tapeo soa na rumoroloxía, sobre todo, polo restaurante.

Que é viñoteca apréciase desde o primeiro momento: os socios, presionados pola sana ambición de manter unha incríbel carta de máis de 450 referencias de case todas as D.O. de España, acumulan como formigas caixas de viño que saen por todas partes, diante dos baños, pechando o comedor, inundando o piso de arriba (non aberto ao público)… Así que cando un entra ao comedor, tras unha cortina, atópase un espectáculo coma o da foto de arriba. Teño que dicir que benvido sexa. Cando chega a carta dos 450 viños, pacientemente manuscrita, posiblemente unha das mellores cinco ou seis da cidade, non podes deixar de alucinar. Teñen cousas interesantísimas e controlan. Viva o caos e a desorde, ergo.

Pero a comida tamén paga a pena coñecela. Dous formatos de entrantes, creativos (con grandes ensaladas, ou ensaiando combinacións orixinais de sabores) ou racións tradicionais (confeccionadas con produtos gourmet, en moitos casos). A oferta gastronómica prosegue no interior cun apartado especial para foie, unha boa colección de pratos con ovos e uns segundos ambiciosos. Os pratos son enciclopédicos en tamaño e coma un cabaré de ingredientes: un salteado de pasta negra de lura con choquiños e vieiras de primeiro (a casa recomenda tomar só un entrante), un bacallao feito a baixa cocción con pisto, ou mi-cuit de oca con puré de mazá…sabores básicos e directos, así, rotundos, para gustar. O seu codillo de porco ibérico, por exemplo, comeza a ter sona: fanno con verduras, e o mesmo acontece co seu milfollas de foie e queixo de cabra. A carta baséase na combinación en múltiples maneiras de poucos ingredientes. Bótanlle imaxinación, ás veces, un tanto aleatoria de máis, pero agradécese o intento. Outra cousa é que a elaboración aínda sexa un pouco tosca e un chisco descoidada: demasiado aceite nas preparacións; ao meu pobre mi-cuit metéronlle, de agasallo, pasta de calamar fría sen estar indicado en carta e a pesar de que xa a tomaramos no primeiro. Pequenos detalles, con todo, que non desmerecen para nada este caótico e estraño restaurante novel. Queren facerse un espazo neste competitivo mercado e, polo de agora, parece que o único importante é o que acontece no centro da cerámica e do cristal. Sexan benvidos: outros fan exactamente o contrario e así lles vai.

Visítao, que paga a pena.

4 Comments

  1. corrosco
    26 / Febreiro/ 2007

    Simplemente decirte que el dato referente al fundador es del todo equivocado. El de Gran Hermano nada tuvo ni tiene que ver con al Viña de Xavi. Si es cierto que en ese local, con anterioridad Xavi, hubo otro llamado Etcétera y que en ese si tuvo parte el susodicho Javito, pero con la Viña nada de nada.

  2. 26 / Febreiro/ 2007

    Certo é. Xa o modifiquei. Moitísimas grazas pola apreciación!

  3. 5 / Marzo/ 2008

    estou de acordo co teu criterio, Manuel, e curiosamente deches no cravo (con este e o de Ana, que por certo non atopo en google maps) nas descripcións. penso ir outra vez tanto ao de Ana coma ao de Xabi. grazas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará