Tralas pegadas da Mulier Babeliae

babelia.jpg

No mostrador da librería había esta monteira de libros con follas arrincadas do Babelia, o suplemento cultural de El País, prendidas entre as follas dos volumes. Non puiden evitar a curiosidade:

-¿E isto que é? -pregunteille á libreira.

Riuse.

-Verás. É unha clienta que chega todos os luns co Babelia na man. Dentro, ten repasados con fosforitos verdes os datos bibliográficos de todos os libros que lle interesan dos que se comentan no suplemento. Como a maior parte das novidades das que falan aínda non chegaron ás librerías, déixame o suplemento aquí e eu voullos conseguindo. Para non facerme un cacao, organízolle os paquetiños por Babelias. Este pedido, por exemplo, é o Babelia da terceira semana de decembro…E teño un igual para cada semana.
-¿Pero que le esa muller?
-¡Que non le, dirás! Aquí nesta morea hai novela, ensaio, arquitectura, cinema…devórao todo! Eu excuso de facerlle ningunha recomendación. Aínda non fun quen de saber que lle gusta exactamente.
-¿Pero é dalgunha institución ou algo?
-Non creo. Paga sempre en metálico e non pide factura.
-Agora xa me quedo totalmente intrigado. ¿E non se pode saber quen é?

A miña libreira riuse e cambiou de tema. E aí quedaron as pegadas desa enigmática especie, a Mulier Babeliae.

10 Comments

  1. 15 / Febreiro/ 2007

    Nom debe de ser a única que desenha o seu menu literario baseandose no Babelia. (ainda que nom com tanta voracidade)
    Debe de ser por isso que muitos autores fam o que seja preciso por sair no suplemento do sábado.
    Eu nom gosto muito dese tipo de suplementos (o meu nivel cultural nom da para tanto) pero tenho amigos que si, e seica e melhor o do Abc.

  2. 15 / Febreiro/ 2007

    W., a min o que máis me gusta dos suplementos culturais é que saen o sábado. Despois dunha boa durmida e un almorzo lento e tranquilo, os libros entran mellor. :-)

  3. 15 / Febreiro/ 2007

    E non estará acumulando para a xubilación? Eu mesmo merco de vez en cando libros extraños sabedor de que non os vou ler nun tempo inmediato. Penso: agora non, pero cando me xubile…

  4. 15 / Febreiro/ 2007

    Suscribo o que dis: o meu pai fíxose un par de coleccións de literatura pensando exactamente na xubilación, pero eu penso que é medio engano. Despois un acaba tan ensarillado coma antes, e xa teño visto varios casos!

  5. 15 / Febreiro/ 2007

    Por certo, Pirámide, encántame esa icona saltarina do RSS que tes no lado dereito do blog. Collincho para telo uns días choutando aquí ao carón. Grazas!

  6. 15 / Febreiro/ 2007

    Foi o primeiro que pensei cando lin este post: algún día, cando me xubile, lerei todos os libros que merco e que non teño tempo para ocuparme deles. (Aínda que levo acumulando dende que teño 20 anos, así que moito vou ter que durar…)

  7. 17 / Febreiro/ 2007

    Pois xa tes o comezo dunha novela! a historia é fabulosa e da enigmática muller sabemos que, cando menos, ten cartos abondo…

  8. 17 / Febreiro/ 2007

    …e tempo para ler! Canto costa o tempo!

  9. 18 / Febreiro/ 2007

    Celebro que a súa libreira sexa discreta e mantivese o anonimato desa ávida lectora/compradora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará