Castrillo de los Polvazares, a aldea do cocido maragato

Last updated on 29 / Xuño/ 2007


Praza de Castrillo de los Polvazares (Bierzo)

Seguro que che ten pasado o seguinte: nunca oíches falar de algo, un lugar, unha marca… Un día descúbrela, coméntalo a todo o teu círculo e decátaste de que foches o último en enterarte de tan coñecido sitio… Pasounos con Castrillo de los Polvazares, que vén sendo o Parque Temático do Cocido Maragato, aínda que se camufle como unha restaurada aldea do Camiño de Santiago a cinco quilómetros de Astorga. Nesta aldea concéntranse unha chea de mesóns que ofrecen, case como plato único, o Cocido Maragato, a un prezo posiblemente pactado entre todos os hostaleiros: 15 euros, incluíndo viño da casa e postre. Ao comentalo e revisar en Internet o lugar decátome de que debín ser o último en enterarme deste ritual de paso (cara o sur).

Aos que nos gusta moito o cocido pásanos como aos afeccionados ás novelas policiacas. Non nos importa repetir un plato, aínda que o coñezamos ben, porque o interesante son as variacións dos capítulos intermedios. Case todos os cocidos ibéricos son relativamente similares, variando nas pequenas achegas da horta local, na inclusión da galiña ou do polo, etc. O porco é o requisito indispensábel, por suposto, e sen el mal cocido habería. No Cocido Maragato hai elementos moi particulares que fan moi apetecíbel a relectura deste xénero, aínda que hai que prepararse.

O primeiro deles é que para disfrutar o cocido sen problemas de conciencia cómpre buscar unha excusa. Nada mellor, entón, que chegar aterecido ao mesón. Para aterecerse con xeito, o máis rápido é dar un paseo ata o final da xélida e ventosa rúa central (¿única?) desta aldea maragata, conxelar os pés, os beizos e as meixelas axeitadamente, ata que os nosos ollos comecen a esbagullar como resultado desta emoción glacial. Despois xa podemos sentarmos refregando ben as mans, que é unha condición tamén previa ao inicio do xantar.

cocido.jpg
Cocido Maragato: primeiro tempo

O Cocido Maragato chega en tres tempos, e un pouco ao revés do galego: primeiro entra a bandexa das carnes, sen verdura, que son as clásicas. Mans, orellas, touciño, cecina, chourizo, pés, galiña, lacón, e unha cousa bastante curiosa, o relleno. O relleno é parecido aos bolos do pote do cocido galego. Unha especie de albóndiga con miga de pan á que se lle bota un pouco de todo… Despois chegan os garavanzos pedrosillanos -que son estes pequeniños, apretados e picudos- con repolo rehogado cunha allada. Por último, para hidratar o composto, chega a sopa do cocido.

Unha comida ideal para contribuir ao quecemento global cos nosos corpos e continuar camiño pola A6.

Como chegar:
Saír da A6 en Astorga. Se ves de Galicia, unha vez que esteas na Nacional e xa na cidade, tes que pasar o indicador á esquerda de “Centro Ciudad”. Un pouquiño despois haberá un desvío á dereita que indique xa “Castrillo de los Polvazares”.

Localización de Castrillo de los Polvazares en Panoramio

18 Comments

  1. 7 / Xaneiro/ 2007

    Non preocupes, porque hai outro que non tiña nen idea de este sitio. Así que agora xa me tes culturizado, e algún día, se cadra, pasarei por alá.

    E o problema que temos ós das Rias Baixas, xa nos desviamos en Benavente, e se ben coñecemos a fondo o nordés de Zamora (terra bastante interesante) quedamos sen tocar un pedazo de Maragatería. Así que me terei que plantexar facer un pequeno desvío para ver de probar o cocido este.

    Xa me comentaran o tema do cocido Maragato. Ainda que non vexo que fales do chivo. Canda menos os meus amigos Leoneses sempre me falan de que lle botan chivo ó cocido, e algún galego que coñezo repunoulle cousa rara.

    O que si non me convence nada é esta maneira de comela. ¿Que é iso de que traian a carne primeiro? Se o mellor da comida é compartir a carne e as verduras. O da sopa, xa non digo nada, se a queren comer de sobremesa, que a coman.

    Por certo, sobre o cocido galego… cando dis que este é o revés… sorprendesme un pouco. Na miña casa (e nas diferentes da miña familia), e polo que teño visto, nas da xente de Lugo tamén… O carne, as patacas, as favas/garbanzos,… veñen todos xuntos. Cada un vai servindo e facendo combinacións coma mellor lle apetece, e vai repetindo (porque sempre é a fartar) ata que non pode máis.

    ¿Hai sitios en Galicia onde se come a verdura antes ca carne?

    Por certo tamén quero dicir que pola miña experiencia en Galicia, o caldo do cocido nunca se come na mesma sentada ca o cocido. E non me sorprende a decisión, porque despois dun bo cocido, mellor facer a dixestión e non meter máis para adentro.

  2. 7 / Xaneiro/ 2007

    Eu xa teño gañas de voltar a comer alí, o que pasa é que nunca chego prá hora de comer…

  3. Nacho
    7 / Xaneiro/ 2007

    Pero que pinta tiene eso, dios mío!!

  4. 7 / Xaneiro/ 2007

    Nacho, e mira que me dá reparo pór as fotos dos outros “dous tempos” deste cocido…

  5. 7 / Xaneiro/ 2007

    Xmanoel, si, o do cocido ao revés vén dado polo estraña característica do cocido maragato de comer a sopa ao final. Algunha causa haberá, pero a saber…en todo caso, pola costa si que é habitual tomar a sopa do cocido (ou do lacón con grelos) no mesmo xantar que o resto da ola, aínda que, por suposto, durará varios días…

    Tampouco entendín a lóxica maragata de separar os garavanzos e a verdura da carne, aínda que si teño que dicir que, no caso das legumes, había unha consecuencia claramente positiva: os garavanzos quedaban tremendamente realzados porque estaban, exactamente, no seu punto, e era un auténtico pracer comelos sós.

    Xa contarás algo de Zamora. É unha provincia que coñezo ben pouco e pola que teño moitísima curiosidade.

  6. 7 / Xaneiro/ 2007

    Comer o cocido en Castrillo nun día de inverno da un gustirrinín…
    ¿Pero lembrades aquel verán de hai uns anos en que os galegos comprendimos en carne propia por que os andaluces non saen da casa ata a tardiña?
    Pois ese ano a miña dona non tivo mellor antollo que comer o cocido de Castrillo o 3 de AGOSTO. Brión-Castrillo, con parada a tomar un aperitivo en Villafranca del Bierzo foi doado grazas ao ar acondicionado do coche. Comer o cocido en Castrillo foi un gusto, grazas aos enormes muros illantes da casa que ocupa o restaurante. E ¡sorpresa! a vila estaba chea de xente e tododiós comía cocido.
    Despois da comida a cousa xa se fixo algo máis costa arriba, paseo polas sombras da vila para baixar a soá, visita á catedral e palacio espiscopal de Astorga para baixar o lacón…
    Os rapaces pequenos (varios) quedaron extasiados coa contemplación do pazo episcopal e tiven que explicarlles que Antonio Gaudí o levantou antes de que Walt Disney fixera o propio en Disneyland.
    Cambiando de cousa: en moitas zonas rurais de Galicia acostumana comer ao revés, coma no caso co cocido maragato. Se hai caldo de carne, primeiro esta e despois o outro. Se poñen macarróns e bistés, primeiro a carne e despois a pasta. Moitas veces teño comido asín nunha casa labrega ao pe do polígono industrial de Lugo. “Se algo ten que sobra, que sexa a sopa” decía sempre o patrón.

  7. 7 / Xaneiro/ 2007

    Coñecín Castrillo ó facer o Camiño en 1998. É un pobo realmente bonito e dos poucos que non cambiaron en este tempo (case unha década xa!). Outros como Rabanal del Camino ou El Ganso non correron a mesma sorte. Danos colaterais dos Xacobeos.

    Comer un cocido en Castrillo é un auténtico luxo (Cuca la Vaina é o local clásico). Son un namorado da Maragatería, inxustamente arrinconada frente ó peso da fama gastronómica do veciño Bierzo: mantecadas, e chocolates de Astorga, cecina de cabalo, se se atopa, nas pequenas aldeas maragatas, pementón ou as rosquillas do Café Central de Astorga (Praza Maior), pan dese repartido polas furgonetas dos panadeiros dos Montes de León…

    Unha zona que paga a pena descubrir.

  8. 7 / Xaneiro/ 2007

    Eu, que son fillo de berciáns, sí coñecía Castrillo, e teño degustado en varias ocasións o manxar en Cuca la Vaina ou en La Magdalena.
    O de comelo “ao revés” ven dos tempos pastorías. Disque cando vai frío no monte, o primeiro é tomar a carne e rematar coa sopa quentiña, ven feita ao lume.

  9. 7 / Xaneiro/ 2007

    Nós fomos a comer o cocido maragato a Castrillo de los Polvazares fará un ano en febreiro. E hei de confesar que me decepcionou un pouco; quizais porque atopei todo (salvo os garbanzos, que estaban realmente bos) demasiado feito, sobre todo a verdura, que a min me gusta case “ó dente”. Pero o modo de comelo é curioso: hai unha lenda que fala de non sei qué guerra, sinto non recordalo, na que os soldados, por se tiñan que pelexar de contado, primeiro comían a carne, para teren máis forzas, e despois, se o inimigo non tiña presa por atacar, continuaban có resto.

    É unha forma curiosa de comelo, a verdade. Aínda que eu prefiro comer todo xunto: as patacas, a verduriña, o touciño…

    Nós estivemos, teóricamente, no máis famoso de todos, en Cuca la Vaina. E, se non lembro mal, xunto coa carne nos puxeron ensalada de tomate.

    Pero a fin de semán estivo ben; sobre todo, porque foi un amigo (gracias Juanillo), o que se ocupou de organizalo todo á perfección.

  10. 8 / Xaneiro/ 2007

    Eu prefiro La Magdalena, máis lonxe, cara ao final do pobo. Menos sofisticado que Cuca la vaina, se é que algo é sofisticado en Castrillo.

  11. 8 / Xaneiro/ 2007

    Reafírmome no meu primeiro parágrafo.

    :P

  12. 8 / Xaneiro/ 2007

    A cecina de cabalo que cita Gourmet é difícil de atopar na Maragtería pero moi fácil en Palencia. Trátase dunha verdadeira delicia que se pode conseguir sen saír da casa.
    Hai moitos anos eu mercaballa a Pedro Rojo, de Villaramiel (Palencia), que mercaba cabalos en Galicia para cecinar. Agora seguen no negocio os Hijos de Pedro Rojo. Unha simple chamada ao 979837143 e mándana á casa contrareembolso, a prezos moi competitivos. O único problema é que so serven pezas enteiras, cun peso mínimo que pode estar entre 1 e 3 quilos, o que para min non e problema, xa que cando se vai poñendo dura de máis preparo un “aporreado de tasajo” (receita cubana) que resucita aos mortos.

  13. 8 / Xaneiro/ 2007

    A tradición á que fai referencia Moraiminha a min contáronma en Rabanal del Camino en relación coa guerra cos franceses: facíase o cocido e se comía primeiro o máis substancioso para que, no caso de que unha partida de franceses se achegase alertada polo cheiro, chegaran só para apropiarse da sopa.

    A cecina de cabalo a tomei de amorzo un día facendo o Camiño de Santiago. Foi un cadro un tanto surrealista: saín de Astorga a iso das sete e media da mañá, a finais de outubro, cunha néboa do demo. Pasado Castrillo comezamos xuntarnos un grupo xeitoso de peregrinos-gastrónomos (xa daquela apuntaba maneiras) que acabamos nunha taberna a piques de caer sobre si mesma de puro vella na aldea de El Ganso. Alí nos ofreceron o que tiñan, que nos serviu de almorzo: cecina de cabalo, cogumelos en tomate e guindillas en vinagres. Non está mal para as 9 da mañá. Pero o mellor foi cando os irmáns Ryan, uns mellizos de Chicago entrados xa na sesentena, descubriron (lles contei) que aquel xamón tan bo non era tal e que, en realidade, estaban a comerse un cabalo. De entrada non lles fixo especial gracia, pero logo querían comprarlle unha cecina enteira á señora que atendía o local.

    Volvín pasar por El Ganso hai uns anos e xa non existe a taberna.

  14. 8 / Xaneiro/ 2007

    Haberá que darlle outra oportunidade e probar en La Magdalena, porque o de Cuca la Vaina para min foi moi frouxo. Foucellas, iso de que está lonxe, haberá que pillar un taxi? XD

    Recomendo cear tranquilamente (se durmes alí xa vas en pixama) en Casa Coscolo, evitando a feira do Cuca, un restaurante pequeniño cunha carta minúscula, pero sorprendente para ese pobo.

  15. 8 / Xaneiro/ 2007

    Recomendacións alternativas anotadas para a próxima visita. Lástima non telas antes, aínda andiven por alá a comezos de decembro.

  16. 9 / Xaneiro/ 2007

    Eu tamén tomo moita nota dos vosos comentarios. Non me quedará máis remedio que verificar no campo, outra vez, as vosas achegas. Dramas que ten a vida!

  17. 9 / Xaneiro/ 2007

    Non lembro que ano era a primeira vez que me levaron a Castrillo de los Polvazares. Foi antes de 1996 en todo caso. Celebrábase un encontro dunha coñecida familia de ascendencia maragata que tiña as súas raíces en Castrillo, descendentes por varios lugares de Galiza (Carballo, Pontedeume, Vigo…) e que contaba até un antigo membro do Tribunal do Supremo. Fun en calidade de “consorte” da que entón era miña moza, cando menos iso é o que figuraba na etiqueta que me penduraron ao chegar e que levaban as case 100 persoas que alí estabamos. Mostráronnos propiedades da familia, cara á parte alta do pobo, e coñecemos por dentro eses patios que un só lembraba ter visto nas ‘ventas’ dos debuxos animados de Don Quixote cando pequeno. Faláronnos do cocido de Marujita como o máis afamado, e coido que así segue sendo. Marujita viña de casar había pouco polo rito maragato con Luís del Olmo. Cuca la Vaina xa funcionaba como hotel de turismo rural cando en Galiza case non sabíamos o que era iso. O ano pasado voltei por alí e sempre paga a pena descubrirlle o lugar a quen non o coñeza. O de ir xantar xa é outro tema, porque a improvisación réñese coa reserva antecipada. Cumprimentos pola anotación Sr. Gago.

  18. 14 / Xaneiro/ 2007

    O da sopa antes ou despois non me ten moita importancia (deixemolo en inusual).
    O de comer a carne sóa, xa é algo que me é moito máis dificil de entender. Eu necesito sempre guarnición. E o combinar as cousas non fai que por eso se deixen de saborear.
    De feito poñome moi nervioso ás veces que teño estado en Castilla e me teñen traido un prato de carne (cordeiro ou coello) sen nada para acompañar.
    Bueno, que os entendo e os respeto… pero xa que se pode (e o cliente ten a razón) pidolles unha guarnición para acompañar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará