Crónicas de Oz na Semente RSS da semana

O outro día contáronme una anécdota que ilustra o paralelismo entre os mecanismos de promoción social dos blogs e situacións anteriores, da Era PreDixital. En moitos dos grupos de poetas e culturetas da Galicia dos 80 e 90 existía o hábito de mencionarse continuamente os uns aos outros como mecanismo para tentar conseguir algo de visibilidade e notoriedade nun espazo público bastante reducido como era o galego desa época. Algúns chegaron mesmo a darlle un cachondo nome a esa técnica: era o “bombo concatenado“, e aínda conta con bastantes practicantes (algúns, un tanto viciosiños).

Digo isto porque pode parecer que inclúo a Crónicas de Oz na Semente RSS da semana porque el me inclúe a min, nesta sorte de “bombo concatenado” cibernético, pero non é así. Juan Castro foi un inquedo alumno meu e hoxe prepara -con outras inquedas xornalistas- un ambicioso proxecto web moi interesante do que escoitaremos falar dentro de pouco. Cando pechou Sonríe mientras puedas -o seu primeiro blog-, souben que acabaría volvendo a esta beira da liña. Así que agora presenta Crónicas de Oz, un sitio persoal que xa promete e que se define así:

Recordos e pensamentos dunha viaxe pola Outra Zona. ¿A que lado da difusa fronteira estás ti? ¿Hai fronteira ou é tan só unha ilusión?

El considérame friki, pero eu creo que el non se mirou seriamente ao espello, para así poder establecer unha medida realista da miña tal -non negada- condición.

One Comment

  1. 13 / Decembro/ 2006

    Moitas gracias Manolo, isto si que é unha honra ;)

    E respecto ó último párrafo, eu creo que é mellor que ningún dos dous se mire o espello. Non vaia ser o demo que do outro lado apareza un jedi ou un anano das minas de Moria xD

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará