O Ilusionista, un intenso truco cinematográfico

Last updated on 7 / Decembro/ 2006

ilusionista.jpg

O Ilusionista son 110 minutos de maxia, pero maxia da real. Esta película, ambientada na Viena do Imperio Austro-Húngaro de finais do século XIX ou, se cadra, da primeira década do século XX, convértese nun sucesivo espectáculo de equívocos que non se detén ao final. O protagonista é un enigmático ilusionista de nome falso, Eisenheim, que interpreta un teatro das maravillas que fascina á burguesía e á aristocracia imperial. Nese momento en Viena concorren todas as convulsións da historia do século XX. O Imperio, sostido unicamente polos vínculos de sangue aristocrática e a vontade militar, abanea decrépito. A revolución industrial multiplica o poder da tecnoloxía día tras día, pero convive co ocultismo, o orientalismo teosófico ao que se aproximaron mesmo algunhas vangardas. Un mago listo, nese tempo confuso, benefíciase destes pasos esvaradizos da Razón con facilidade. O guión altera o crepúsculo histórico do emperador Francisco Xosé, a quen se lle inventa un ambicioso e golpista fillo herdeiro -que na realidade non tivó con Sissí- e que será o contrincante do mago Eisenheim na historia de amor que se conta na película. Non adiantarei moito máis, pero nós, como espectadores, estamos dispostos nunha sorte de xogo. Somos o público, pero é que, ademais, somos “o público”. É dicir. Estamos dentro dun teatro que está dentro dun cine. E alí sucédense os trucos de maxia. Hai que sentarse, observar e, como en todo bo espectáculo de maxia, desesperarse por atopar o truco da historia. Que o ten.

2 Comments

  1. 7 / Decembro/ 2006

    Semella que che gustou ;)
    A min en cambio pareceume bastante lenta e tópica, pero que tería un pase se non fose polo final totalmente precipitado e previsible. E mira que levaba expectativas optimistas, aínda que só fose para ver o duelo Norton/Giamatti.

    Agora espero con ansia “The Prestige” , a outra peli de magos que preparan para as próximas semanas. Creo que aquí van traducirlle o infausto título por “El gran truco” (a verdade, tampouco se luciron moito…). A ver se Nolan sorprende con outra trama “tipo memento” e lle saca partido a ese reparto que ten.

    E senón, sempre nos quedará mirar para o “poster”

  2. 19 / Xaneiro/ 2007

    Vina, tarde, pero pagou moito a pena. Encantoume.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará