En marcha por un desafío: un documental sobre como gravar o primeiro voo dun cárabo

Last updated on 18 / Outubro/ 2007

carabo.jpg
Unha cría de cárabo no seu niño (foto: Xurxo Gago)

Aquí vai un texto entusiasmado. Este post é a estrea pública –e directamente en Internet- de En marcha por un desafío. Trátase dun documental de 13 minutos, realizado pola xente da Asociación Xuvenil para o Estudio da Natureza (AXENA) que relata os primeiros días dunhas crías de cárabo, un paxariño que cando se fai adulto vólvese moi similar ao moucho ou á curuxa.

O documental recolle varios momentos deses primeiros días das crías, e faino dun xeito novidoso en Galicia. Unhas microcámaras de visión infravermella para exteriores, sitúanse en puntos estratéxicos, nas árbores de arredor ou na boca do niño. As cámaras filman 24 horas ao día a vida destes pequenos sen interferir no proceso natural de cría dos seus pais. A información pásase por cabo ata unha tenda de campaña, onde unha capturadora envía ao portátil as imaxes. O equipo é interdisciplinar: un enxeñeiro de telecomunicacións (José Juan Fernández), un biólogo (Xurxo Gago) e unha directora teatral (Maga Martínez) que coordinou a gravación e o guión. Ningún era profesional dos documentais. Non houbo orzamento económico para a produción. Simplemente unha conxunción de coñecementos previos, de enxeño e de solucións técnicas baratas para conseguir os resultados. Adaptar tecnoloxías existentes (de cámaras de seguridade) e integralas nun contorno (os bosques de caducifolias e os niños de aves rapaces) nos que anteriormente os produtores pasaron horas e horas de observación e investigación.

Este pequeno documental anticipa o que será unha parte importante da comunicación corporativa no futuro: grupos que, grazas ao abaratamento de custes e á tecnoloxía dixital, crean relatos audiovisuais atractivos por eles mesmos, sen necesidade de grandes investimentos, reciclando tecnoloxía, apostando pola rede como canle básica de transmisión e, sobre todo, que son conscientes de que parte do traballo é chegar a diferentes públicos: científicos, afeccionados, público xeral.

Todas as imaxes son de produción propia e realizáronse cos preceptivos permisos da Consellaría de Medio Ambiente. E si, ese Xurxo Gago que aparece no documental é o meu irmán. A ver por que pensas que estou tan orgulloso.

14 Comments

  1. 4 / Decembro/ 2006

    interesante, abra que miralo máis polo miudo :)

  2. Un
    5 / Decembro/ 2006

    moi interesante. o mellor: os tres rapaces fronte ao portatil facendo de poliños. ;P

  3. 5 / Decembro/ 2006

    Moi interesante… o dos poliños impagable!!!

  4. 6 / Decembro/ 2006

    O coñecemento e a divulgación da natureza galega precisa de persoas coma teu irmán e os seus compañeiros. Transmítelles os meus parabéns polo vídeo. Agardo que sexa o primeiro dunha moi longa serie.
    Un saúdo.

  5. 6 / Decembro/ 2006

    Pois agora están perfeccionando o mecanismo e probando algunha técnica nova. A máis incríbel, están traballando cun pequeno robot que pode entrar nos tobos dos animais, e crea toda unha serie de interesantes problemas, como a resistencia a golpes, a autonomía, a transmisión de datos á superficie… A ver se pronto temos unhas primeiras imaxes!

  6. llito
    6 / Decembro/ 2006

    os meus parabens polas imaxes

  7. viki
    14 / Marzo/ 2007

    Encantoume o voso documental, espero que sigades así…e con máis da nosa naturaleza. Adiante….
    Un saudo

  8. eva
    30 / Maio/ 2007

    un documental precioso, espectacular. Un saludo

  9. Olalla
    15 / Marzo/ 2008

    Que animaliños tan curriños!!! Andaba eu despistada navegando pola rede e atopei este regaliño. Os meus parabéns, é unha maravilla.

    Un saúdo

  10. 25 / Marzo/ 2008

    Parabéns a todo o equipo!!! Nós tamén andabamos mergullados pola rede e atopamos este video de casualidade.

    Seguide así, estaremos atentos ás novidades.

    Un saúdo.

  11. 25 / Marzo/ 2008

    Grazas, asarbo & sonitinha, pasade por aquí cando queirades!

  12. antonio vilar
    30 / Marzo/ 2008

    Buenísimo. Animo. Espero sigáis trabajando más veces en este tema.

  13. Cristuina
    24 / Setembro/ 2008

    Os meus parabéns polo vídeo. Asemesmo, darvos as grazas por permitirme coñecer os cárabos que eu nin sabía que existían.
    Vou recomendar o vídeo ós/as meus/miñas compañeiros/as e amigos/as.
    Unha aperta.

  14. Guiomar
    6 / Xaneiro/ 2009

    Curioseando por la red me he encontrado este precioso documental del cárabo. Gracias

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará