O señor da guerra, unha película sobre a moral cega

lord.jpg

Mira O Señor da Guerra, se podes. Si, convencerache do terríbel que é o tráfico de armas, das guerras que saquean e destrozan a África occidental, da espiral de relacións de poder, da miseria, da SIDA, dos cruentos ditadores africanos; pero xunto a esta decidida denuncia da crueldade dos conflitos de baixa intensidade xurdidos en todo o mundo trala Guerra Fría, poderás ver algo máis. A película está tecida a través da complexa personalidade de Yuri Orlov (interpretado maxistralmente por Nicholas Cage), un traficante de armas atrapado en si mesmo, cunha moral etérea que lle fai oscilar entre o desexo do que lle gustaría ser e que constrúe a base de cartos (un pai de familia cunha fermosísima esposa) e a truculencia do seu suxo traballo. Desmantela os arsenais da URSS en Ucraína trala caída do imperio soviético, vende armas en Afganistán, apoia ao ditador liberiano André Baptiste e subministra as armas para a limpeza étnica en Serra Leona. Cre a súa propia excusa (“eu non mato, só proporciono as armas”) ata que a situación se rebela contra el e o introduce na espiral de violencia. Unha película dramática que consegue construír un poderoso relato humano sobre unha capa de necesaria denuncia.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará