Un caso interesantísimo. Microsoft conta cun programa de tradución de Windows ás linguas indíxenas americanas. E fixo tal cousa cunha das linguas mapuche, o Mapuzugun, a maioritaria entre estes indíxenas de Chile. Pois ben, parece ser que a decisión de Microsoft de traducir Windows a esta lingua non sentou nada ben entre os líderes tribais, que acusaron á compañía de violar o patrimonio cultural e colectivo mapuche ao facer a tradución do software sen permiso. Os indíxenas acusan a Microsoft de “piratería intelectual”.
A min dame que gran parte do mosqueo vén, en realidade, porque segundo os xefes tribais, o goberno chileno e Microsoft fixeron todo o proxecto sen solicitar o asesoramento dos mapuches nin esforzarse en facelos partícipes del, o cal a min tamén me cabrearía bastante se fora mapuche. E había algunha decisión importante que tomar no proxecto: por exemplo, escoller entre un dos catro alfabetos que se poden empregar para escribir o mapuzugun, unicamente oral ata hai vinte anos. Algúns activistas levaron xa o caso aos Tribunais de Santiago de Chile orientando a denuncia sobre roubo da propiedade intelectual, e están dispostos a chegar ao Tribunal Supremo. Esta cuestión pon sobre a mesa o feito de se as linguas teñen propietarios ou non, e se están suxeitas a dereitos legais. A posición dos mapuches é que a lingua é un patrimonio cultural pertencente a un colectivo determinado e, polo tanto, unha propiedade máis, coma os montes comunais ou a casa do concello. Obviamente, é unha posición moi difícil de soster coa escala de dereitos que rexe boa parte dos códigos legais dos países do mundo, baseada no indivíduo e, sobre todo, se temos en conta que a lingua é un código en continua evolución, cambio e influencias internas e externas. Desde logo, dificilmente defendíbel no mundo contemporáneo. Con todo, desde logo, o caso dá que pensar en moitos aspectos.
Vía Retiario
Nota: Se te fixas na imaxe, Microsoft “indixenizou” o logo de Windows nestas versións locais.
Be First to Comment