Novo deseño de El País en Internet: a clonación estandarización dos cibermedios

elpais_novo.jpg

Hoxe espertamos cun importante lavado na edición dixital de El País. O novo deseño é un compendio de inventos da web 2.0. Eu resumiríao en:

• Cambio no nome do produto: de elpais.es a elpais.com
• Tipografías grandes e flexíbeis
• Deseño de táboas líquido que permite que a web se adapte á resolución do usuario (a partir dunha resolución mínima de 1024 píxeles)
• Maior integración e visibilidade dos comentarios dos usuarios
• ‘Incrustación’ de obxectos multimedia nas planas de información e unha maior integración dos obxectos multimedia
• Desaparición dos menús laterais e substitución por outro en dous niveis despregado ao carón da cabeceira
• Sistema gráfico de solapas para engadir máis información sen recargar a páxina
• Botonciños para postear a noticia en diferentes webs sociais
• Apertura de parte do contido baixo licenza Creative Commons para uso non comercial
• Nubes de etiquetas coas palabras clave do día

Simplemente faltaba isto:

elpais_beta.jpg

El País segue a liña de boa parte dos medios de cabeceira do mundo, que iniciaron un novo ciclo de redeseño nos últimos dous anos. A diferencia dos grandes cambios do 2002-3, os cibermedios afrontan desta volta un novo contexto con tres elementos decisivos para a toma de decisións nun redeseño: a canibalización da edición en papel por parte da edición dixital é xa unha realidade nos medios con dúas versións, o usuario consulta en varias ocasións ao longo do día o medio e existen novos formatos exitosos desde fóra da industria, como os blogs ou as webs sociais, que non son a competencia pero si xeneran máis problemas de identidade nos medios do esperado e teñen unha gran capacidade de influencia.

A fórmula adoptada por elpais.com segue a tendencia á estandarización doutros cibermedios de cabeceira –El Mundo, 20 minutos, La Vanguardia, etc.- e busca puntos de conexión coas novas webs sociais, como Flickr, YouTube, Menéame ou similar. A opción, por exemplo, de incluír iconas de publicación directa nos medios sociais, como Menéame ou Digg, ou o emprego de licenzas Creative Commons confirma a súa vontade de inserirse nese novo fluxo de circulación de información e usuarios. É dicir, de meterse na moda. Recuperar gas na blogosfera. Volver loitar polo liderazgo.

Un redeseño na web, sen embargo, non é só un axuste gráfico. Reflicte unha modificación na concepción do produto, na súa dimensión e no seu uso para os usuarios. No anterior redeseño de El País propuxérase un determinado modelo de tratamento da información, baseado na agrupación de contidos en temas, persoas, entidades, destinado a responder a un determinado tipo de consumo de información en profundidade. Non percibo tal esforzo en innovación de formatos e en contidos desta vez. É coma se o cibermedio desdebuxara a súa natureza na maré cando máis precisa atopala e máis en cuestión está. As novas capacidades tecnolóxicas –as mesmas que facilitan outras aplicacións da web 2.0- posibilitan novas explotacións do contido que poden dar lugar a achados interesantes. O New York Times, por exemplo, fai unha nova aposta conceptual na relación entre xornalistas, usuarios e fontes de información alleas na súa nova edición personalizada propia MyTimes, aproximando a todos os elementos entre si. El País, non. A competencia segue sendo a clásica competencia que nos pode roubar a audiencia ou algo así.

Os medios aproxímanse entre si, con moi pouca innovación real nos temas dos que deberían saber, como a calidade do contido ou a creación de novos formatos. A diferencia do que aconteceu a finais dos 90, cando xurdiron elementos como infografía, as entrevistas dos lectores, diapositivados con audio ou similares, os cibermedios parecen perder a capacidade interna de innovación. ¿Ata que punto responde a unha moda, a unha estandarización lóxica da web 10 anos despois da súa creación ou a unha ausencia de ideas?

Outras visións:
Ramón Salaverría
Juan Varela

3 Comments

  1. 21 / Novembro/ 2006

    Parece que dos tres eres ti o máis pesimista ;)

    Para min, quédase moi lonxe das posibilidades que o ciberespacio permite pero aínda así, creo que é o que máis atinou no redeseño (ventaxas de ser o último, como di Juan Varela). Non ten nada de innovador, senón que os deseñadores incorporaron ferramentas que viron por aí adiante nos últimos meses e que, todas xuntas (e sobre todo para o gran público) poden parecer incluso orixinais. Incluso a distribución, tan caótica como a que presentou elmundo.es hai uns meses parece hoxe incluso tolerable.

    Sen embargo, unha vez pasas do primeiro vistazo, decátaste de que os medios tradicionais andan máis perdidos que Adán o día da nai. Ti dis que a finais dos 90 xurdiron elementos como infografía, entrevistas de lectores.. que cambiaron conceptualmente os xornais on-line, pero que hoxe non se ve esa mesma aposta. Naquel momento eu daba os primeiros pasos na rede, así que non podo opinar con moito fundamento, pero creo que os cibermedios eran dos primeiros en achegar ó público esas novas ferramentas e tecnoloxías. Iso é unha diferencia sustancial co que ocorre agora.

    Hoxe, os xornais dixitais tentan incorporar servicios e posibilidades desenvolvidas e popularizadas pola propia audiencia (unha masa crítica cada vez máis activa) á marxe dos propios medios. Estas ferramentas incluso xerminaron ás veces no descontento e na indiferencia cara os medios tradicionais. Vamos, que agora chegan tarde e á rastras.

    Ollo, non quero dicir con isto que os cibermedios non poidan sumarse ó carro da web 2.0, 3.0 ou como queiramos chamarlle. Só que non é posible facelo sen pasar antes pola autocrítica, esquecerte dos púlpitos e replantexarte as necesidades xornalísticas do s.XXI e o que significa realmente a filosofía web.

    Sen iso, abrirte ós comentarios, colocar un par de blogs e fluxos RSS e decorar algúns contidos con licencia creative commons non é máis que puro fume e maquillaxe .

    PostMortem ¿Conseguiches contar tódolos elementos que configuran a portada entre titulares, chamadas, cadros, pestañas etc etc…? Eu intentarei facelo esta noite en vez de contar ovelliñas ou decimais do número Pi…

  2. 22 / Novembro/ 2006

    Brillante comment, Juan. Déixame un par de días para seguir o debate (interésame moito), que estou super saturado. :-)

  3. 22 / Novembro/ 2006

    Faltaría máis, todos os que necesites ;)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará