I Xantanza Galega de Blogastrónomos: risa e convívio nas tardes de outono

blogastronomos.jpg
Asistentes á I Xantanza Galega de Blogastrónomos, no Yayo Daporta de Cambados

Os portugueses teñen unha fermosa palabra para chamarlle aos banquetes: son os convívios. Segundo o profesor Estraviz, o convívio significa tanto a convivencia, a familiaridade, a proximidade, coma o propio xantar colectivo. A palabra garda aínda unha faísca da sinxela filosofía das vellas culturas: a comida colectiva como celebración compartida, coma unha invitación a facer xuntos, alegremente, parte do camiño da vida durante unhas horas. A I Xantanza Galega de Blogastrónomos, celebrada este domingo no restaurante Yayo Daporta, de Cambados, tivo moito de palabra portuguesa: un vizoso paseo compartido nos últimos días de sol do outono arredor da propia felicidade de comer.

Aí está Miguel, que aparece cargado de tetrabriks de Laban como para solucionarlle todo o Ramadán a Alxeria e albariño para malograr a toda a Rúa do Franco; Foucellas desenfunda un teleobxectivo destinado, polo menos, a captar a estrutura molecular da mousse de coliflor; Moraiminha avanza as novidades dun viñedo de albariño coidado entre 20 mans cariñosas en Barro, e con Another Cow in the Corn evocan (ou mellor, invocan) unha empanada de vieiras cocida nun forno doméstico de Noia; Catuxa desvélanos o segredo de facer tarxetas de blog gratis, e confírmase a maldición de que estamos condenados a vernos en sitios e nunca poder falar o abondo; o Gourmet sáese de feliz padastro co éxito da convocatoria blogastrónoma; César e Chus viven a gastronomía coa afección e a paixón de forofos futboleiros; mentres, Sole loita contra os reflexos do contraste para retratarlle as cores desta tarrina de foie-gras –cal será o perfil bo dun prato, ¿o cenital ou o lateral?; ao pouco, Nogueira vai crebando xeos ata facer sentir a todo o mundo coma os peixes na auga, que é unha habilidade persoal deste peixe; entrementres, Sao Mai presta, coma sempre, moita e moita atención ás conversas que se cruzan e Xosé Manuel vén desde Madrid para compartir o momento.

Déronse algúns divertidos e incríbeis silencios entre os risos e as conversas cruzadas. O primeiro, respectuoso, cando o valente Yayo Daporta presentou, as mans nas costas e a gorra gris de chef moderniño ben cinguida, coa solemnidade e os pequenos nerviosismos dun neno recitando na primeira comuñón, o percorrido gastronómico da tarde. Daporta xa tiña os respectos e a simpatía do persoal a priori, por valente, por arriscado e por aceptar entrar neste xogo nas súas propias vacacións. Pero é que, ademais, o cociñeiro conseguiu unha demostración brillante das súas propias posibilidades como novo valor da nosa gastronomía –despois fareille un post específico. A outra batería de silencios incríbeis producíanse coa chegada dos novos pratos: un silencio de peli de Hitchcock que poría dos nervios ao cociñeiro máis experimentado, seguido de relaxados murmurios de aprobación e a volta ás conversas. Foron varias horas divertidísimas, con xente á que un parecía coñecer de hai tempo, que é o que acontece cando todo marcha ben. Así que, moitas grazas a todos e todas por tan chulo momento e vémonos na próxima, que todo parece indicar que non tardará.

Por certo, quen queira ver unha foto de frikirmo gastronómico puro e duro que pase para dentro do post.

;-)

freakys.jpg
Aprecien aos dous blogastrónomos do fondo tomándose en serio as cousas. Foto: Sole.

;-)

8 Comments

  1. 13 / Novembro/ 2006

    Que bonito…. tal cual foi a cousa.

  2. 13 / Novembro/ 2006

    Pero que ben escribides os xornalistas… Xenial retrato dunha xornada perfecta.

  3. 14 / Novembro/ 2006

    Esa foto non ten prezo. E bonito lembrar que ninguén tocaba o prato ata que estaba perfectamente fotografado, ó máis puro estilo xaponés, como ti ben comentabas.

  4. 14 / Novembro/ 2006

    Mágo que non haxa foto dos blogogastrónomos na rúa, cadaquén co seu cartón de laban e a súa botella de albariño. Tampouco había ser moco de pavo.

  5. 14 / Novembro/ 2006

    Poetica maneira de resumir o encontro, como dician por ahi, se nota quen sabe escribir.

    Foi un pracer compartir mesa con vosco.

  6. 14 / Novembro/ 2006

    O momento click, desde logo, era impresionante. Un pase de modelos en formato cóncavo e con pouca anorexia.

    ;-)

  7. 14 / Novembro/ 2006

    En formato cóncavo e con fotógrafos con tendencia ó convexo (algúns polo menos) ;-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará