Montero Ríos retorna ao Obradoiro

in_eremo.jpg

O compostelán Montero Ríos foi un poderoso político de moita relevancia no Goberno español a finais do XIX e coñecido por ser o perfeccionador dun método para conciliar vida familiar, amistades e traballo que perdura ata os nosos días. Durante cinco ou seis anos atopeime a súa cara todas as mañás cando entraba na Facultade de CC. da Información, na segunda praza máis bonita de Santiago, que é a de Mazarelos (a primeira é a Quintana). Sempre me sorprendeu o xesto desta estatua, coas costas algo corcovadas e o andar canso e lento, con longos hábitos de xurisconsulto. A diferencia das estatuas de militares, que sempre miran á fronte ou un pouco por riba da liña do horizonte, a estatua de Montero Ríos leva a cabeza baixa e, desde o alto da peana, obsérvanos. A ese alguén en concreto na multitude. Parecía resumir o seu xeito de facer política: desde aquí, desde o meu podio, préstoche atención concreta a ti. O meu poder é a suma de votos particulares. A diferencia dos militares, que non pensan nas consecuencias das accións e tiran para adiante ata caeren no abismo, eu miro e examino cada paso que dou, cos pés na terra, atendendo cada petición particular, convertendo un asunto que debera ser público nunha decisión persoal e paternalista.

Por iso, hoxe cando cheguei ao traballo, custoume distinguila ao principio. Montero Ríos retornara ao seu emprazamento orixinal no centro da Praza do Obradoiro, onde a instalaran en 1916 xa no medio dunha intensa polémica que acabou provocando o seu traslado a Mazarelos. Pero sen peana, a ras de chan, Montero converteuse nun vello xubilado máis que camiña polo espacio público ensimesmado nos seus zapatos. Como se dixera: e aquí se foi a miña memoria. ¿Quen se lembra xa de Montero Ríos?

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará