Brooklyn Follies, de Paul Auster: a épica soñada dos solitarios tardíos

Eu creo que as artes dun novelista -igual que as dun actor, ou moitos outros profesionais- demóstranse cando son quen de levantar unha situación difícil, de resolver unha historia comprometida, de partir dun contexto difícil. Ao ler Brooklyn Follies, a última novela de Paul Auster, confirmeino. Brooklyn Follies é unha gran novela dun pequeno cotián. Nathan Glass é un antigo axente de seguros retirado, con diñeiro e divorciado. Cando se asenta en Brooklyn, a súa axenda social non chega ao tamaño dunha unlla. Pero reencontros, sentido, vontade, atención e humanidade erguen unha incríbel rede social de antigos solitarios que a vida devorcou contra Brooklyn que, de súpeto, forxan algo máis que unha trama de necesitados aliados momentaneamente ante a negrume da vida. A historia é tan fermosa que, como di María Liñeira, un desexa que non acabe nunca. E o oficio de Auster, acompañado na versión galega polo intelixente e meticuloso oficio da tradutora Eva Almazán, consegue levantar este prodixioso edificio de ficción e transmitir unha gran mensaxe de proximidade ética, que radica en dous principios tan pouco ampulosos como descoidados no común: a preocupación polo outro e mais o querer escoitar sen agardar contrapartidas.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará