Restaurante La Taba, en Teo, ou como afogar a morriña mexicana en picor

Aos compostelanitas deixáronnos no último ano sen restaurante mexicano, o cal é un sacrilexio nunha cidade de estudantes. Todo o mundo sabe que o picante é unha necesidade social: vale para as apostas feitas na sala do colexio maior ou na cafetería. Ou para dar conversación macha no traballo sobre resistencias estomacais, ollos secos e faccións imperturbábeis nas ceas de empresa. Pero non só iso: con México pasa como con Brasil. Aínda que non naceras alí, aínda que non teñas unha vinculación persoal, ou familiar, estes dous provocan unha morriña que non sabes de onde vén.

Así que cando me poño morriñento voume ao restaurante mexicano máis cercano. Que vén sendo en Teo, e se chama La Taba. Un bo lugar para aplacar as morriñas mexicanas con boa comida cuate.

La Taba está como uns cincuenta metros antes da Casa das Tortillas de Cacheiras, vindo desde Santiago, na mesma beirarrúa dereita. Non ten perda. Este restaurante ofrece dúas cartas: a convencional -platos típicos sen maior interese- e a carta mexicana, que se aproxima moito á comida que teño probado nos restaurantes de México. Alí, cun braseiro de leña prendido, un senta nas mesas circulares dunha pequena sala e pode comezar a probar esta restauración mestiza. Nada máis entrar, se non hai ninguén no comedor, comezarás a escoitar a Chavela Vargas e logo unha cabalgada de corridos típicos de cassete de gasolineira: o soniquete da trompeta non te abandonará en toda a comida, penetrará polos teus oídos ata que, contra os postres, se forme un callo acústico no tímpano.

Un pode comezar cun pequeno surtido de antolliños que se adapta ao número de comensais, e no que, ao redor dunha gran fonte de guacamole e nachos podemos atopar flautiñas de queixo, quesadillas e burritos. Non vén mal acompañalo cunha cervexa michelena. Para que non o coñeza, a cervexa michelena é un peculiar preparado mexicano que consiste en cervexa con lima, cunha boa capa de escuma sobre a que se bota tabasco. O borde da copa rebórdase de grans de sal. Xuraría que na receita de La Taba tamén había uns toquiños de tequila, pero non sabería aseguralo. Pero aviso, non é bebida que lle guste a todo o mundo. De feito, o amigo Resistencia, a quen coñezo de hai máis de dez anos, deseñou un novo aceno facial depresivo que nunca lle vira en tanto tempo. Alá ti: eu atreveríame. Despois nós adentrámonos noutro gran clásico da comida da terra quente: as enchiladas de polo. Estaban fantásticas, e burriños tigre con gambas bravas, ardentes pero cun saboroso preve. Acompañámolas de tamais, que son un pequeno manxar campesiño: panochas de millo recheas da propia pasta do cereal cun tubiño central de carne rechea. E para rematar a festa, crêpes con cajeta, que son filloas con doce de leite. Todo moi digno. Uns vinte e dous euros por cabeza que pagan a pena para afogar en picor as morriñas.

La Taba en Google Maps

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará