Na busca dos praceres da carne na estrada Santiago-Lalín

Last updated on 29 / Xuño/ 2007

parrilladas.jpg

Non, non me penses mal co tema do post. Falo dos praceres da carne á brasa: o churrasco, os asadores, as pingas de graxa chiscando sobre as ascuas, as mesas corridas, as cuncas de viño con gasosa, os pantalóns de tergal e as fontes prateadas cheas de patacas mal peladas a golpe de mencer. Son as mellores churrasquerías e asadores do país: lugares de onde un sae cun sorriso automático de satisfacción carnívora por dez euros ou pouco máis. Demos un paseo colesterólico por catro churrasquerías emblemáticas da estrada Santiago-Ourense no seu tramo ata Lalín.

Nestas churrasquerías prescíndese do accesorio. Aquí non hai lugar á dúbida. Os camareiros non preguntan que desexas, senón máis ben canto. E a carta recítase de carreiriña coma os dez mandamentos. ¿Algún simbólico entrante que introduza a festa da carne? Se cadra, pero as posibilidades de elección limítanse, sobre todo, aos complementos que acompañan ás bandexas de costelas e anacos de lombo: cantos chourizos criollos, canta ensalada, cantas fontes de patacas. Logo chega unha cunquiña de chimichurri, de fórmula tan segreda como a coca-cola. Esta bomba líquida foi aprendida nalgún fogón de Bos Aires e Montevideo, macerado nos estantes húmidos de vapor da cociña, e tan persoal no seu toque que se converte en sinal de identidade da churrasquería entre a parroquia.

Fíense delas: estas casas son herdeiras da tradición de hospedar aos clientes máis esixentes do mundo, os tratantes de gando e os viaxeiros circunstanciais que percorrían na dilixencia, a pé ou en cabalo a distancia entre a capital administrativa de señoritos e as aldeas do radio. Esta xente coidaba ben do diñeiro, e axiña montaría un cisco se as cousas non foran como deberan. Un dos históricos camiños máis farturentos do país é que comunicaba as Terras de Santiago con Ourense e daba saída a Castela; hoxe en día, a Nacional 525 segue, máis ou menos, o trazado do camiño real orixinal. Nesta primeira etapa, seleccionaremos catro fogóns de sona nos que felicitarse pola evolución carnívora da nosa especie por dez euros e a propina (se cadra).

Santa Lucía: esta ruidosa casa de comidas atópase no lugar do mesmo nome, aínda no Concello de Santiago de Compostela. Se un non a coñece, non é doada de atopar. Cando un baixa de Santiago, despois de deixar o Restaurante Algueirada, debe tomar o seguinte cambio de sentido e buscar o mesón pola esquerda da estrada. Cando acabes de desesperarte, pregunta a un parroquiano. O Santa Lucía está especializado en polbo e churrasco, e das portas desa cociña parece que saen tentáculos do propio Kraken. Como en case todas as seguintes, o nivel de decibelios na sala aproxímase ao dun after hours.

En Google Maps

Restaurante O’Botillo: un quilómetro máis adiante, á dereita, despois da gasolineira de Marrozos e enfronte dunha moblería atópase o restaurante O’Botillo que, como o seu propio nome indica, vai exactamente diso, de traer a especialidade oriental do Botelo ás proximidades de Santiago. O seu circunspecto propietario, vestido sempre cun chaleque de camareiro de indubidábel factura caseira, tamén che pode ofrecer unha impecábel parrillada de carne por sete euros, que nos ten salvado dalgún destemporado domingo. Unha atinada recomendación do Gourmet.

En Google Maps (no centro)

Parrillada O’Gaucho: un multitudinario xantódromo en Lamela (Silleda). Está á esquerda e coñécese polo amplo aparcamento que, nas fins de semana, non dá abasto. Como dixo a adolescente que nos atendeu:
-Hoxe somos poucos. Haberá…unhas duascentas persoas.

No Gaucho tres homes custodian continuamente unha enorme grella chea de anacos de carne. Cando nos trouxeron a fonte, apreciamos que era carne de primeira e quedamos ben satisfeitos. Ata cando, para a nosa sorpresa, chegou…¡a segunda fonte!

-Para que non se enfriara –contestou a rapaza antes de nós dicirlle nada. Non debiamos ser os primeiros en sorprendernos.

Fogar de Breogán (Santiso, Lalín): Con diferencia, o punto máis excéntrico da nosa graxenta ruta. O Fogar de Breogán é un establecemento familiar afastado da estrada xeral (hai que coller as indicacións a Santiso que están á esquerda, na estrada xeral, antes de chegar a Lalín, e a partir de aí seguir os carteis do Fogar) que rehabilitou a vella casa dos devanceiros en pleno campo. Ata aí, a típica historia da casa rural normal. Pero se che digo que hai un tren en miniatura que gabea e anda polo teito, que a grella lévana un par de rapaces brasileiros que ofrecen rodicio pola semana, que polas fins de semana organízanse espectáculos de contacontos que rematan cunha especie de estraña queimada dramatizada, que o lugar é atendido por mozas caracterizadas como folclóricas (galegas), verás que algún día terás que pasar por alí. E, por certo, se te pos preto do cristal que dá ao xardín, verás a un estraño paxaro (vivo) que te espía con auténtica curiosidade. Churrasco, chourizo, táboas de queixo ben servidos. O típico lugar co que podes asustar a un compañeiro de viaxe ou iniciar a polémica entre outro Fogar ben coñecido entre os churrascaditos: o Fogar do Santiso. Pero esa é outra historia.


Para chegar ao Fogar de Breogán (Santiso)

¿Algunha outra churrasquería de mérito nesta estrada?

10 Comments

  1. 20 / Outubro/ 2006

    No Deza cómese ben. Agora que en Lugo…

  2. 20 / Outubro/ 2006

    Dos que contas coñezo O Gaucho e O Botillo (e o Fogar do Santiso, pero como dis, esa é outra historia). Apunto os outros para cando toque caer por alí

  3. 21 / Outubro/ 2006

    Hai outra parrillada da que non falei porque aínda non pasei por alí pero esperta auténticas paixóns entre os parroquianos de Silleda. Chámase O Alto da Penae está despois da ponte da saída de Silleda (sentido Santiago-Ourense), á dereita (non confundir con outro que está xusto ANTES e se chama A PONTE). Vaille tan ben que os propietarios collen un mes enteiro de vacacións -algo incríbel na hostelería. Tamén o mesmo menú de churrasco, viño, polbo.

  4. eula
    22 / Outubro/ 2006

    Si oh! Outra cousa non habera, pero churrasquerías en Lalin! Ahi apunto unhas poucas:
    -Restaurante Europa: No cruce de Grava, bo churrasco e algunha que outra cousa.
    -Parrillada Villanueva: Emblemático templo da carne dezana, se ben xa non é o que era en canto a prezo nin calidade. Na entrada de Lalin.
    -Meson O cruce: está un pouco afastado pero paga a pena. Na estrada de Pontevedra a 5 km de lalin, no lugar de Vilatuxe (Os Carballiños). Foi dos que creou tendencias ao sustituir a mítica falda de bovino por croca, outro despiece de tenreira sen oso que se se sabe preparar esta delicioso. Ademais ten unha carniceria onde se pode comprar desa carne, e unha carta mais amplia.
    -Cantina dos Cabaleiros , no lugar de Botos, Lalin. E un meson pequeno que ofrece algun plato salientable, coma o queixo á prancha, e coma non a croca! Moi caseiro e moi económico

    Destacar que o Alto da pena non e unha currasquería se non unha pulpería das que chamamos en lalin “de richada” Ofrece, sobre todo, pulpo e richada estilo Lalin (non confundir con richada estilo Forcarei) e penso que non ten churrasco. Existe unha version un pouco mais económica no casco urban de Lalin chamada “Os Cortizos” e algun que outro sucedaneo.

    E xa vou parando…. quedando a sua disposición para aclarar calquer dubida e convidarlle a calquera destes templos da fartura si se acerca por estas terras.

  5. 22 / Outubro/ 2006

    Pois moitas grazas, Eula! A verdade é que xa me deches algúns outros sitios moi interesantes para cando vaia por aí. Ultimamente pateo bastante esa zona as fins de semana, e agora con máis razón! Teño que recoñecer que non probei a richada de Lalín, aínda que si as de Forcarei e Agolada. ¿En que se diferencia?

    Comparto o entusiasmo pola croca.

  6. eula
    22 / Outubro/ 2006

    A richada de Lalin, á diferencia da de Forcarei non leva rustrido. E carne fritida en aceite moi quente, e queda crocante por fora e tenra por dentro. Todo un manxar!

  7. amalfi
    9 / Outubro/ 2007

    vou este finde ao fogar de breogan espero que me sorprenda

  8. carlos
    19 / Decembro/ 2007

    NECESITO O TFNO DO RESTAURANTE
    FOGAR DE BREOGAN GRACIAS

  9. jose
    1 / Xaneiro/ 2008

    O alto da pena destaca tamén por a limpeza das instalacións incluído o cuarto de baño.Desplázanse a facer sacramentos a zona das Rías Baixas e desde esta zona suben a celebrar cenas de empresa.
    Outra parrillada con moi boa relación calidade-prezo e a parrillada Montoto.Necesita traducir o galego o nome de Montoto e por vontade as camareiras da casa no respeto po-lo galego

  10. esteban
    9 / Marzo/ 2008

    Estuve dos semanas en Lalin,por motivos de trabajo y tengo que decir,muy bien de precio y un churrasco/chuleton y croca excelente la PARRILLADA MONTOTO.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará