Na busca da aldea abandonada de Grobas, na Serra do Candán

grobas.jpg
A aldea abandonada de Grobas

Da aldea de Grobas dicíase que sacaban os mortos a cabalo, tan inaccesíbel era a súa ubicación nas profundidades da Serra do Candán. Por alá camiñamos, buscándoa, orientándonos só coas oídas e de enrugados e terreiros dedos que sinalan o horizonte. Subimos por Fixó e camiñamos polas veigas montesías onde nacen o Deza e o Lérez. Por alí están as neveiras nas que o Mosteiro de Acibeiro gardaba a neve no verán, que despois vendía en forma de xeo aos ricos urbanos. Tamén as pequenas mandas de lobos que retornan, sabendo coa memoria da especie, ou repetindo o patrón dos tempos, onde fican as antigas lobeiras abandonadas, onde se move o corzo. Baixamos ata Vilariño, repousando ao carón dunha pequena capela.

-¿Por que hai tantos cans? -preguntámoslle a Pedro, o capataz que aparece cos pantalóns azuis do traballo a falar á sombra.
-Porque somos cazadores. Pero tamén aparecen outros moitos abandonados. A esta aldea chegamos todos os perdidos -dinos ríndose. Río con toda a confianza que me dá un descoñecido.

As aldeas da Terra de Montes son como globos: o casal está no borde entre o monte e o val, pero estendéndose por riba dos tellados, subindo polo monte enriba ata as chairas dos cumios, están as enormes extensións de monte comunal. Alí decídese de xeito comunitario.

-Nunca permitiremos que nos pranten eucaliptos nos noso montes, di Pedro.

Volvemos subir arriba. Esa avoa e esa neta, que apañan toxos para as vacas que pastan ceibas nos chans do Candán dinos enerxicamente, cravando os instrumentos no toxo seco:

-Con sorte mañá daredes chegado a Grobas. O camiño máis seguro é a Pedra do Mal Paso, aínda que está todo comido. Mirade se o camiño alí xa era difícil antes, que os nosos vellos chamábanlle así ao lugar.

Non era a cousa para tanto, por suposto. Pero seguimos movéndonos entre o sol braseante e o mareante zunido das eólicas, tamén chamadas aquí tarabelas. Escoito moitas palabras na Terra de Montes que só lera antes nos libros. Un sherpa amábel que nos guía correndo entre os toxos coma se foran herba dime:

-O monte está bravo porque nos volvimos nugalláns.

Nugalláns. Alá está Grobas, a humilde aldea, afundida no último buraco do mundo, á beira do regato, entre os canóns de múltiples torrentes. Nas ladeiras de toxo e breixo, nos penedos máis escarpados, hai varios puntos laranxa inmóbiles: son redondos cazadores que agardan ao porco bravo. Hai bouridos, medo, sol, suor. Un puntiño de persoa chega a Grobas e descansa entre as paredes.

KMZ (para Google Earth) coa localización de Grobas

10 Comments

  1. 16 / Outubro/ 2006

    Nugallán… Cantos anos había que non a escoitaba! Iso era o que lle chamaban a novita (o de Doraemon)!

    Ah, si, tamén nos chamaba miña avoa cando aínda pensaba que de min e de meus primos se podía sacar algo de proveito ;)

    Falando das neveiras do Mosteiro de Aciveiro. ¿Víchelas algunha vez? Eses monxes si que tiñan visión de negocio. Alí cabía xeo para polo menos tres macrobotellóns!

  2. Roberto Louro
    16 / Outubro/ 2006

    Manuel

    La iglesia de Vilariño se llama “de los Milagros” y aparentemente hay una procesiona anual.

    Ver en Turgalicia, hay una fotografia

  3. 16 / Outubro/ 2006

    Juan, as neveiras están ao norte da veiga de Vilariño, camufladas entre os piñeiros. Non as dimos atopado porque estaba aquelo mesto de vez, aínda que os paisanos nolas localizaron despois bastante ben. En Fixó aínda queda familia dos que se encargaban de comerciar co xeo!

  4. 16 / Outubro/ 2006

    Eu referíame as neveiras que teñen restauradas no mosteiro de Aciveiro, unha xoia que se merece máis dun infográfico.

    Unhas enormes cámaras de pedra sobre as que hoxe en día podes camiñar (se non che dan vértigo) mirando cara abaixo a través dun chan de cristal.

  5. PAULA
    18 / Novembro/ 2012

    O meu pai viveu en Grovas a finais dos anos 70. Ocupou un par de casas da aldea xa abandonada. Xunto co seu irmao, criaban ovellas e cabras para vende-las, tiñan un par de vacas e facían queixos…
    Botaron alí un par e anos e pouco viñan á casa, a Botos, dende alí escribía cartas que inda conservamos na casa…
    Non sei se era hippy, okupa ou un “emprendedor” deso que chaman agora o que si debeu ser toda unha experiencia na que o lobo tiña un gran protagonismo.

    apertas
    paula

  6. César López Cachafeiro
    31 / Xaneiro/ 2013

    Estou a escribir un libro sobre Grobas. Interesaríame moito ter unha conversa con Paula… e con seu pai se é posible. Ou sexa, Paula, que se te animas déixame recado aquí mesmo.

  7. Paula
    19 / Abril/ 2013

    Ola Cesar,
    Cando queiras quedar, agora xa tes o meu número pon un día.
    Con meu pai imposible pero o meu tío Jacinto estará encantado.

    Saúdos,

  8. calros
    21 / Abril/ 2013

    Boas Paula,dis que es de Botos,pois eu son de Vilatuxe
    Decirche que cheguei cun amigo a Grobas cando tiñamos 16 anos(deixamos as bicicletas no alto de San Bieito e nós baixamos a pé dende alí).Quedaronme as pernas con agulletas varios dias
    Xa voltei por alí varias veces e nunha delas do xeito mais inesperado,traballando sí,traballando na sinalización deses atractivos culturais da terra de montes coma son as neveiras do mosteiro de Acibeiro de mais enriba de Fixó e seguindo polo parque eólico pra diante ate chegar a un alto dende o que ves tanto Grobas coma as terras do Deza,poñendolle unhas vaias protectoras de madeira o igual ca varios kilometros atrás fixemoslle no alto do Castelo(onde existe unha caseta pra vixiancia de incendios,a cal pecharona cando abreuse a do Candán no 1991)
    Poia nada xa que somos de tan lonxe penso que podiamos quedar un día e falar algo mais de Grobas

    Nota:no seu día vin nun xornal que o derradeiro habitante emigrara pra Andorra no ano 1972

  9. Adela Blanco
    12 / Febreiro/ 2017

    Ola, que ben o descrebes, onte fomos a Grobas por Fixó e vimos os neveiros que están case restaurados, baixamos a un deles, que ben que se esté a poñer en valor o patrimonio inmaterial galego, o monte está mais limpo e coidado.
    Baixar a Grobas é como dis unha aventura para as pernas e unha beleza para os sentidos. Foi toda unha descuberta, tanto que hoxe busquei mais información e atopei o teu blog, que ben.

    Deixo a miña pegada neste blog, graciñas Manuel Gago.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará