¿Por que as noites de lúa chea son azuis?

luz_azul_lua.jpg

Pois por un bug, un fallo orgánico.

Ou iso afirma este interesantísimo artigo divulgativo da NASA que explica as particularidades da enorme lúa das colleitas que este ano apareceu a partir do seis de outubro. Estas particularidades resúmense en tres curiosos efectos da percepción que todos experimentamos:

1) A luz da Lúa rouba a cor de aquelo que alumea. É como ver o mundo a través dun televisor en branco e negro.
2) A paisaxe gris, sen cor, convértese, despois de miralo un tempo abondo, en azul. Este efecto chámase “desprazamento azul” ou “desprazamento Purkinje”.
3) A luz desa Lúa chea non te permite ler. Aínda que, a primeira vista, as páxinas parecen ben visíbeis, ao tratar de buscar as palabras, non poderás facelo e as palabras mesmo se esvaerán.

Estes tres efectos explícanse polas características da retina humana. Nela existen dous tipos de receptores lumínicos, os conos e os bastóns. Os conos permítenos ver cores e detalles de relevancia (as palabras do libro) pero son bastante ineficaces para percibir imaxes en entornos de pouca luminosidade. Os bastóns son os encargados diso: trátase de receptores con capacidade de percibir información en condicións case de luminosidade inexistente, pero son incapaces de percibir as cores e os detalles. O motivo é que a penas hai bastóns na zona da retina que o cerebro emprega para ler, a fóvea. Está poboada de conos.

Xa que logo, ¿por que, ao tempo de andarmos pola noite, todo parece completarse dunha estraña cor azul? Aínda non se sabe con claridade por que se produce ese efecto visual nas noites de lúa chea. Un par de investigadores propoñen que, en realidade,se trata dunha ilusión derivada de unha transferencia inusual de información entre os bastóns e os conos que están ao carón, responsábeis do procesado desa cor (artigo en PDF).

É dicir, que pode ser un bug, unha alteración do noso software e hardware.

De todos os xeitos, cal sería a miña sorpresa que, para ilustrar este artigo da NASA, me atopo cunha foto da Lúa chea sobre o Concello de Pobra do Caramiñal.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará