O vídeo, a nova revolución do coñecemento

Moi a miúdo sento diante deste ordenador e me decido coñecer algunha materia nova da que sei pouco: bioquímica, física cuántica, programación, xeopolítica, psiquiatría. Para facelo, consigo que me dea unha clase maxistral algún dos mellores especialistas no mundo na materia. Non se trata de dispor dun gran trifásico, senón de aproveitar a nova gran maré do coñecemento que chega por Internet, as conferencias en diferido, e que están a cambiar o concepto que tiñamos da aprendizaxe. Teño a teoría de que aos mellores científicos, mesmo manexadores de arcanos conceptos matemáticos ou físicos, sempre se lles consegue entender sen complicacións (“porque teñen as ideas claras”, engade un amigo meu). Son habitualmente os mediocres os que se refuxian na impenetrábel verba de canteiros para agochar conceptos baleiros.

Un dos meus principais refuxios de aprendizaxe son as charlas TED (Technology, Entertainment, Design). Celebradas anualmente en Monterrey, California, reunen durante catro días a mil persoas da empresa, da universidade e nas artes que pagan máis de 4.000 dólares por estar alí. Os relatores son sempre expertos que destacaron nos últimos anos polo seu pensamento orixinal e innovador. Alí falan desde especialistas en xerontoloxía, como Aubrey de Grey, Steven Levitt -o economista escritor de Freakonomics-, ou Richard Dawkins, o autor de O Xene Egoísta. Cada un deles imparte unha preparadísima charla de vinte minutos nun escenario moi televisivo, e hai incríbeis comunicadores aí (xa non falemos da charla de Al Gore). Gústame que, en todos os casos, o auténtico esforzo xa non está no coñecemento en si mesmo, senón que todos estes expertos preocúpanse realmente en transmitilo e comunicalo. Observa, se non, a intervención de Hans Rosling, un profesor sueco do Carolin Institute experto en saúde mundial que domina como ninguén a arte do escenario e da proxección de datos como técnica de docencia:

Vivimos na revolución do vídeo como gran transmisor de coñecemento e na retransmisión interactiva como a sustitución dos apuntamentos de clase. O novo coñecemento é dialogal, xesticular e oral. A elitista universidade de Harvard vén de anunciar tamén que emitirá tamén as súas clases maxistrais de xeito gratuíto. Algo que xa viña facendo desde hai anos o MIT no seu MitWorld, un repositorio de video no que se almacenaban as conferencias, as clases maxistrais, pero algo tamén sorprendente que se cadra deberiamos copiar. As charlas que dan os científicos sobre o seu traballo aos posíbeis investidores económicos privados. Alí, no MitWorld, puiden ver como Samuel L. Friedman me explicaba o seu concepto do mundo plano e David Milch explicaba como creou guións tan bós como Canción Triste de Hill Street, ou como un monxe budista e un médico especialista en stress debatían sobre a sociedade sen descanso. En Galicia estes formatos aínda están desenvolvéndose, con bos resultados, aínda que pequenos: a Universidade de Vigo ten unha televisión corporativa e ao longo de 2007 teremos novidades por outras latitudes do país.

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará