Tecnoterroristas luditas no 2020

A Sociedade da Información provocará neoluditas, un grupo cultural que rexeitará a tecnoloxía como xeito de vida e a combatirá violentamente. Xunto cos excluídos pola barreira económica e xeográfica, o mundo dixital provocará a creación dun grupo de autoexcluídos que protestarán violentamente contra o crecente poder tecnolóxico.

Esa é unha das curiosas conclusións do informe “The Future of Internet II” elaborado polo Pew Institute. A 742 expertos en Internet e Sociedade da Información (supoño que a maioría nortemericanos), os investigadores solicitáronlles as súas previsións de cambio da sociedade tecnolóxica no horizonte do ano 2020. E estas, xunto co estraño pensamento do parágrafo anterior, foron algunhas das conclusións:

1. A consolidación dunha rede global de baixo custe que creará novas oportunidades nun mundo máis “plano” (usando a terminoloxía do columnista do NYTimes Thomas Friedman).

2. Os humanos dependerán da tecnoloxía aínda moito máis, na medida en que se automaticen máis procesos e os “axentes intelixentes” proliferen. Moitos dos expertos cren que non seremos capaces de controlar o proceso completamente, e que a tecnoloxía provocará perigosas dependencias.

3. A realidade virtual permitirá incrementar a produtividade laboral pero provocará novas adiccións.

4. A tecnoloxía desvelará -queirámolo ou non- cada vez máis sobre nós mesmos. Obteremos algúns beneficios no proceso pero tamén perderemos privacidade.

5. O inglés consolidarase como unha linguaxe global, pero non se desprazarán outras linguaxes. Algunhas, coma o mandarín, cobrarán máis relevancia.

De todos os xeitos, este documento é unha ferramenta imprescindíbel para comprender o presente, máis que o futuro, da Sociedade da Información.

Ver informe en PDF

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará