O país dos despropósitos

Imos facer un exercicio. Como seguro que te vas pór colorado/a de vergoña allea, recoméndoche que o fagas en solitario, e sen posibilidade de que alguén che vexa, porque se che descobren a cara encarnada coa que vas quedar, e lle que é por cuestións arqueolóxicas, no che van crer.

Observa esta estrutura de abaixo:

sobrado_cuberta.jpg

Trátase da antiga cuberta que protexeu os traballos das excavacións no Claustro da Catedral de Santiago. Cando remataron as excavacións alí, como non se tiña moi claro que facer con ela, decidiron levala para as ruínas do campamento militar romano de Cidadela, en Sobrado dos Monxes, e instalala alí. Claro, ti a ves e dirás: vale, está protexendo unha valiosa zona con mosaicos, pavimentos sensíbeis, ou algo así, ¿verdade? Pois non. Protexe a nada. A terra. Os toxos. Non saben o que hai abaixo, se ten sentido que estea aí ou non. Dende hai anos. E aí está. Valeu unha auténtica pasta. Desmontala e montala valeu outra. E aí está morta de risa.

Agora mira este outro lugar:

dombate_1.jpg

Esta é a lona que protexe o Dolmen de Dombate, no concello de Cabana de Bergantiños, un dos principais exemplos do megalitismo no norte da Península Ibérica. A lona leva aí catorce anos como único elemento de protección do valioso contido deste monumento: especialmente as súas insólitas e únicas pinturas murais da cámara funeraria e do corredor. A lona está destrozada, provoca condensación e unhas malísimas condicións de conservación que están a agravar, nos últimos anos, o estado de conservación das pinturas, nalgúns casos xa perdidas irremediábelmente por culpa desta situación. A ferruxe cae por todas partes e os ferriños e garfos ameazan con cravárseche nos ollos. Por suposto, a lona se mantén malamente en pé cuns estéticos pivotes de cemento. Este que vedes en primeiro plano na seguinte foto está xusto no medio dunha mámoa cincocentos anos máis antiga que o propio dolmen e sobre o que foi insolitamente construído este.

dombate_2.jpg

A situación é tan surrealista que para poder apreciar o principal ortostato do dolmen, é preciso facer unha xenuflexión e asorrellar, acompañados polos guías, por un lateral do plástico, como podedes ver na seguinte imaxe:

dombate_3.jpg

No ano 2004 a Deputación da Coruña aprobou o plan para a musealización de Dombate: un edificio envolverá, teoricamente, o monumento, pero aínda nin se tocou unha pedra nin se abriron as obrigadas campañas de excavación no contorno (e dubido moito que se fagan no inverno) así que, polo menos, lle agarda ao monumento outro vergoñento inverno igual.

Eu non son técnico nisto, pero non hai que ser unha luminaria para saber que ningunha das situacións é a que debería ser. Non sei se unha se podería solucionar coa outra, pero si que son dúas caras do mesmo problema: unha por exceso, outra por defecto. Xógome algo a que nin se pararon a pensalo por unha simple lóxica administrativa: o campamento romano pertence á Xunta de Galicia, e o Dolmen de Dombate pertence á Deputación da Coruña. Dúas administracións. Dous mundos, parece ser. Pero uns únicos cidadáns soltando impostos para manter todo isto. E un único patrimonio. Clamorosamente esquecido.

Fotos: Nogueira, Felloza, Gago

7 Comments

  1. 10 / Setembro/ 2006

    Estupendo post de denuncia.

  2. 11 / Setembro/ 2006

    Eu xa flipara fai anos ca lona do Dolmen de Dombate… e alí segue polo que vexo.

  3. 11 / Setembro/ 2006

    No Concello de Dumbría, o dolmen de Pedra da Arca está protexido por… unha liña de alta tensión.

    Hai poucos anos, durante a renovación do tendido eléctrico pola zona, a construcción dunha torreta case se leva por diante o dolmen Finalmente, as queixas dalgúns veciños (en contraste coa indiferencia ou mesmo a aprobación de moitos outros) conseguíu que se desviase uns metros. Aínda así, os cables pasan xusto por riba del.

    A Pedra da Arca tivo mellor sorte que o Castro de Berdeogas, tamén en Dumbría, que xa fora esquilmado durante anos para face-los marcos. Hoxe o recordo do seu pasado está coronado por outra torre de alta tensión que fai de vixía do campo de fútbol construído ó seu carón.

  4. 11 / Setembro/ 2006

    Si, xa coñezo a vella técnica da “alta tensión megalítica”:

    http://www.manuelgago.org/blog/?p=415

    Juan, por certo, vaste sorprender: estiven no castro do Logoso. Un lugar fantástico. ¿Como anda de tradición oral? Recolliches algo na aldea? Eu ía con pouco tempo e non me puiden parar a falar.

  5. 11 / Setembro/ 2006

    No Logoso suelo recoller o “bo humor” da miña avoa, unha muller de carácter moi forte (se che tivese visto subindo polo monte sen identificarte, terías un serio problema!) que ós 90 e pico anos corre con máis xeito detrás das vacas que calquera dos seus netos.

    Agora ben, polo que teño entendido a aldea é relativamente nova e só unha das casas leva alí máis de tres xeracións. Sen embargo, polas parroquias veciñas (en Buxantes, sobre todo) hai unha tradición oral impresionante.

  6. 11 / Setembro/ 2006

    Non sei se será moi recente o Logoso, Juan: vin varios indicios que apuntan máis atrás. Por exemplo, hai unha casa bastante grande que parece refeita a partir dun edificio medieval: ten uns curiosos capiteis medievais incrustados ao carón das xanelas, pero están aí removidos da súa posición orixinal. Non tiven tempo a determe alí, pero eran curiosos. A porta da corte actual doutra casa ten un dintel arqueado moi típico de finais do XVI – XVII.

    Estou preparando un post para mediados da semana sobre o Logoso, cun pequeno infográfico superposto sobre o castro con algúns detalles que me chocaron. Pasareiche antes un .kmz para contrastar a miña memoria coa túa e ver se podemos engadir algunha cousiña máis. Sobre todo, tamén para que quede un rexistro dese fantástico recinto arqueolóxico. O castro está tan ben que seguro que nalgún momento Fenosa lle porá un poste, meteran un anaco de parque eólico ou algo así. Moitas, grazas por pasarme a información.

  7. 12 / Setembro/ 2006

    Falando de Mámoas e Dólmenes: non hai máis que ver o abandono da gran necrópole megalítica de Monte Penide- A Madroa, nos Concellos de Vigo e Redondela (aínda que estes días andaban os da Comunidade de Montes deCandeán en Vigo cun pequeno proxecto de protección financiado por Interreg, ao marxe das administracións, claro) para saber o interese que poboación e administración teñen por ese incríble legado patrimonial que en calquera país civilizado terían mimado.
    A túa denuncia: pódese dicir máis alto, pero non máis claro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará