O castelo da Frouseira: un niño de aguias sobre o Valadouro

Last updated on 31 / Xullo/ 2006

a_frouseira_1.jpg

Subimos ata o Castelo da Frouseira, no concello de Foz. A Frouseira é un enorme e inexpugnábel niño de aguias no que se poden apreciar os restos da fortaleza na que se refuxiou o Mariscal Pedro Pardo de Cela contra os capitáns casteláns enviados polos Reis Católicos. Aínda que hai varias versións da historia, todo parece indicar que o capitán Mudarra, o agregado militar do Gobernador Fernando de Acuña, mantivo un sanguento cerco contra a xente de Pardo de Cela. Téñense atopado misas pagadas polo Capitán Real no rexistro dunha parroquia próxima en favor dos mortos do sitio. O Castelo nunca foi tomado militarmente, aínda que nalgunhas versións Pardo de Cela marchou polo seu pé ao seu castelo de Castro de Ouro, no fondo do val, tras unha rendición negociada. Noutras máis lendarias, vintedous defensores da fortaleza traizoarían ao seu señor e facilitarían o paso das tropas castelás. Os acontecementos deberon ser tan dramáticos e sonados que aínda se canta, no Valadouro, o Pranto da Frouseira, un romance sobre o feito. Eu téñoo escoitado hai tempo de viva voz.

Sen embargo, a destrución da fortificación con posterioridade á finalización do sitio fíxose moi a conciencia. O principal xeito de interpretar o castelo hoxe é seguindo a súa traza nos calzos das pedras, nas escaleiras escavadas no granito. No recinto máis superior atópase esta extraña construción: unha pedra rebaixada como para acoller unha habitación e tres escaleiras que permiten descender a ela dende as beiras do penedo. Teño escoitado as máis peregrinas explicacións sobre este lugar, así que permíteme expresar a miña ignorancia ao respecto. Só dicir que o lugar nunca foi excavado, un cartel rachado ofrece información incompleta e o lugar está inzado de toxeira. Aquí, con independencia da valoración que nos mereza o Mariscal, escenificouse o final da Galicia medieval e iniciáronse os Séculos Escuros -ou a Idade Moderna-. Pensaba niso mentres un montón de toxos punzábanme o peito ao subir por unha destas escaleiras rupestres.

Sobre o contexto da penetración dos Gobernadores dos Reis Católicos e a execución de Pardo de Cela, pódese consultar este artigo de Carlos A. González Paz na revista Búsola (en PDF).

2 Comments

  1. 1 / Agosto/ 2006

    Moi interesante. Cando eu andiven por esas terras non a din atopado. Por certo, non teras información sobre como se botaba embaixo unha fortaleza? Eu lin que os irmandiños botabanas embaixo polo ¨pe¨.

  2. 1 / Agosto/ 2006

    Pois parece ser que a demolición de fortalezas era todo un arte. Había algunhas compañías especializadas de canteiros que seguían as “actividades” das Irmandades. Recoméndoche dúas referencias: unha, un libriño indispensábel para coñecer a época, A violencia na Galicia do século XV:

    http://www.usc.es/spubl/divulgacion.htm

    e outra descrición ficcionada, pero moi gráfica, de como se derrubaban os castelos está na novela Un home de Vilameán: anatomía dunha revolución, de Xoán Bernárdez Vilar, que sempre é un escritor moi documentado:

    http://bvg.udc.es/ficha_obra.jsp?id=UnhodeVi1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará