En pé de pedra 06


Os bailaríns de Pisando Ovos e unha paciente beata da igrexa de San Pedro.

Hai poucas cousas máis pracenteiras que facer turismo na túa propia cidade. Así que aproveitamos esta fin de semana para empaparnos de danza contemporánea co festival En Pé de Pedra 2006, que se celebrou (desapercibidamente) en Compostela. Por se non o coñeces, direiche que En Pé de Pedra son unha suma de espectáculos repartidos por diferentes espazos urbanos da cidade, programados en horas consecutivas. O espectáculo convírtese nun agradábel paseo polas rúas, que van cheos de pelegríns da farándula. Así que foi un puro desfrute de corpos, expresividade e pura arte das emocións xestuais. Aquí vai un pequeno resumo visual.

Juschka Weigel no Claustro de San Domingos de Bonaval. Un emocionante paseo polas emocións, o amor, a torsión e a emotividade.


S20 no plató de cinema da Facultade de CC. da Comunicación

Sen dúbida, o xaponés S20 foi para min o mellor do festiva, presentando o seu espectáculo While going to a condition. Unha auténtica explosión das relacións entre luz, son, danza e sombras nun contorno eléctrico, carcelario e opresor. Non hai nin foto nin video que consegue achegarse nin de refilón ao que aconteceu nese plató.


Provisional Danza no cemiterio de San Domingos de Bonaval


Meio Fin, de Membros no Parque da Constitución (detrás do Parlamento)

Esta compañía brasileira presentou unha reflexión hiphop sobre o ghetto, a droga e as súas convulsións nerviosas, os rapaces do submundo marxinal. O resultado foi para min moi frouxo e desartellado, anque conseguiu un gran éxito de público e aplausos (¿motivos paraartísticos?)

Os coruñeses Pisando Ovos presentaron na praza de San Pedro No Intre 1800, unha refrescante proposta de fragmentos cotiás. Posiblemente o grupo que mellor aproveitaba o espazo da representación.

Fotos: Sole e Magago

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará