O mellor avión de papel do mundo

Ou iso é o que defende o seu popularizador, Michael O’Reilly, que o aprendeu do seu irmán maior hai máis de 50 anos. Para demostrárnolo, O’Reilly dános unhas detalladas instrucións de uso e mesmo un video en Google para que non nos quede nin un paso atrás. O “DC-30” dos avións de papel coincide moito cos modelos que faciamos nos recreos da escola, en especial a cabeza do instrumento. Satisfaime ver que coincidimos co que nós, de cativos, intuiamos por ciencia infusa: había que dotar dun certo peso, non excesivo á proa do avión: iso permitía unha traxectoria máis estábel e duradeira, e facía que o avión se mantivera na posición todo o tempo preciso. Comprendelo era un deses rituais de paso que te levaban dende “os pequenos” ata os “maiores”. En quinto ou sexto de EXB facías simples proas co papel dobrado que se esfranaban miserablemente ao pouco de lanzalas: en sétimo ou oitavo xa te preocupabas en crear unha proa máis complexa, de peso balanceado e cun centro de gravidade na cabina que marcaba a evolución da nave. Tamén descubrías o concepto “alerón” na parte de atrás das ás.

Sen embargo, esa fina cola tan estirada que propón O’Reilly resúltame un pouco descoñecida, aínda que había compañeiros que lles gustaban cacharros así de estirados. Coido que hoxe mesmo voarei algún destes sobre os céos de Santiago.

Vía Popular Science Blog

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará