Como se solda unha fratura dixital

A fratura dixital é un dos fenómenos sociais máis perceptíbeis nesta época. Para un antropólogo, ou un sociólogo, é un punto exacto que divide aos que están conectados e os que non. Logo engádenselle máis variábeis, por suposto. Pero a fronteira é totalmente obxectivábel, diáfana. En Galicia, a fractura dixital é un fenómeno evidente con explicacións complementarias entre si de orde económica, social, mesmo xeográfica, e tamén psicolóxica.

Hoxe perdóame que metabloguee un cacho, pero levo tempo dándolle voltas a esta última barreira. Durante tempo, moita xente -especialmente de xeracións maduras- desterrouse a si mesma do océano Internet. “Non temos a capacidade de asumir o cambio”, resignábanse. Poucas xeracións teñen asumido unha derrota individual e colectiva de forma tan evidente e explícita. Por suposto, esa postura é parte dunha determinada atitude social, unha crenza, un imaxinario. Debaixo dela, a realidade pode seguir un camiño distinto.

Como penso que así comeza a ser. Pasaron os anos, os ordenadores entraron en moitas casas. Un bo día, un pai se conecta á páxina web do seu fillo, e pronuncia a palabra blog. Antes deste estraño palabro, poucos conceptos trascenderan á fala coloquial xeral da poboación. Se cadra o nome mesmo da cousa: Internet (sae en Antena 3 ou en Informe Semanal sempre que falan de pederastia) e virus (que permite explicar por que se casca o ordenador da casa). As dúas palabras penetraron como terroríficas lendas urbanas no imaxinario de moitos maiores que se recoñecían alleos ao fenómeno. Pensábase que era unha barreira tecnolóxica, de aprendizaxe, de complexas interfaces.

Por suposto, en parte si, pero cada vez penso máis noutro factor de máis consistencia. Ese público de maior idade, simplemente, non atopaba contidos de interese nunha rede construída maiormente por xente de menos de 30 anos e, ata hai ben pouco, de marcadas temáticas tecnolóxicas e endogámicas. Agora, as cousas están cambiando nas xeracións maiores de clase media acomodada: usuarios intensivos de aplicacións consolidadas coma o correo electrónico, emisores masivos dos powerpoints con parodias políticas ou chuscos accidentes de pingüinos, reenviadores de fotos tiradas en pantagruélicas comidas de empresa, consultadores intensivos dos mapas de estradas en liña, os novos e poderosos usuarios maiores comezan a atopar nos blogs unha canle á que se fan fieis e que está a disparar o número de horas que pasan conectados ao día. Poden ler moitas bitácoras ao mesmo tempo: escritas por xente con experiencias, referencias temporais, mentalidades e educación compartidas, presentadas nun simplísimo formato no que é doado aumentar o corpo de letra, os blogs están suavizando a barreira xeracional a pasos axigantados.

3 Comments

  1. 15 / Xuño/ 2006

    Eu teño a sorte de ter unha avoa de máis de 85 anos aberta e coñecedora da internet e dunha familia (toda desta mesma parte) á que estou “activando” nesto da rede. E seica lles gusta o rollo blogo :D

    ¡RACHANDO BARREIRAS!

  2. dorfun
    15 / Xuño/ 2006

    …algún día montarán unha bitácora multiusuario na que recollerán todas esas vellas historias, que trasladaron xeneracionalmente…

  3. 15 / Xuño/ 2006

    Sei un caso interesantísimo dunha vila de Castela na que as vellas, que padecen como moita xente da idade, de insomnio. Déronlles un cursiño de Internet no centro social e pasan as noites chateando!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará