Xantando na Casa dos Martínez

Ao entrar na Casa dos Martínez, en Padrón (981810577), a luz do sol exterior desaparece. No canto, un entra de súpeto nun agradábel salón de fogar, no inverno, co solpor acabado de rematar e un frío exterior que aterece ata as unllas. A iluminación lateral, instalada nas paredes con intensidade de candil, ten algo que ver. Tamén as reducidas dimensións do lugar –só 28 cadeiras que para comer que nunca se enchen, non pasan de tres ou catro mesas- e a exigüidade do servizo: Quique Martínez, dono, chef, camareiro e propietario pasea polo reducido espazo, sae á estreita rúa do casco histórico padronés, sube á súa casa, entra na cociña e prepara os pratos, atende e fala ao mesmo tempo. Nada se parece ao estrés, con todo, aquí: o restaurador parece todo o tempo do mundo para falar contigo, aínda que ten os segundos contados. Observade, se pasades por aí, a gravidade coa que fala dos seus platos. É algo que sorprende, porque nunca cambia o seu ton de voz, recita un segredo, puntualiza continuamente insistindo na calidade do produto, nos tempos de preparación, dando información ata da última xestualidade de cada prato. Non parece haber concesión ás bromas neste lugar, e si un gusto por certa taumaturxia culinaria, coma usar esa sal Maldon que a Colineta tanto lle estraña e que consegue salgar a comida de forma suave.

Quique Martínez non só é cociñeiro: paréceo. Rigorosamente vestido de negro, cunha papada que a idade vai rebaixando e un bandullo de bispo medieval oculto tralo mandilón, ofrece unha carta que cambia continuamente como tamén o fan os produtos da estación no mercado de Padrón onde se aprovisiona. Desta vez, cando volvín, nada de aquelo se parecía á carta da anterior visita, o cal nun territorio gastronomicamente tan conservador como Galicia é algo inusitado. Sole e máis eu quedamos pasmados: non é nada habitual que a carta nos provoque mal de Stendhal antes de comezar. Por resumirmos: optamos por uns fresquísimos tomates recheos de centola e rape e continuamos cun intelixentemente macerado magret de pato sobre un leito de pataca, no caso de Sole, e unha fideuá de rape e choquiños feita en portentoso caldo de peixe que, no meu caso, provocoume auténticas vagas de pracenteira melanina que me facían ás veces difícil seguir, con pesar, a conversación:

É coma un prato da miña avoa pero multiplicado por mil – coméntolle ao restaurador. Así me parece, sinceramente. Mentres que noutros restaurantes os pratos son excursións polos futuros, na medida en que usan ingredientes que nunca coñeciches, na casa dos Martínez, en realidade, é o excitar a memoria do gusto.

Cando llo digo, o inhibido Quique Martínez non concede un xesto de aceno alén dun sorriso cortés, pero apresúrase a informarnos de que número teñen que ter os fideos para aproveitar convenientemente o caldo de peixe ao xeito levantino –que é onde está o truco, engade. Debe ser o seu xeito de compartir. A esta Casa dos Martínez catalógana como de cociña tradicional, aínda que eu non acabo de ter claro –como case en ningún restaurante- onde están as fronteiras entre as categorías. Porque nos sabores de Quique Martínez está a perversión, a luxuria e a inclusión dalgúns ingredientes exóticos tan próximos ao sentido de espectáculo da restauración contemporánea, todo convivindo ao carón do gusto pola máxima calidade do produto e pola receita familiar aprendida entre saias de tías solteiras e avoas de pernas gordas.

5 Comments

  1. ro
    14 / Xuño/ 2006

    sinto non concordar. frecuento máis do q quixera ese lugar e tanto o señor como a carta parécenme esaxeradamente pretenciosos. a súa oferta é moito máis extensa cás súas posibilidades de produción, e os seus resultados son moi irregulares. o magret de pato, o peor q comín na miña vida.

    o + divertido q podería contar deste sitio non se pode soltar

  2. 15 / Xuño/ 2006

    Pois entón eu penso que tiven unha grande boa sorte. A miña primeira visita foi no inverno, esta última foi agora no verán. nas dúas tiña as cousas de carta e foron unha festa de vez. Pero, por suposto, como ti ben dis, e coma en todos os bos restaurantes, os pratos fortes nin están na carta nin incluídos na factura. ;-)

  3. Silvia
    2 / Agosto/ 2007

    Eu tamén tiven sorte. Foi unha experiencia extraordinaria e, por suposto, voltarei.

    Do mellor en Galicia.

  4. Martola
    13 / Decembro/ 2007

    Eu son unha reincidente na Casa dos Martinez, quedamos tan engaiolados coa primeira vez que non fomos quen de resistirnos á tentación de voltar. É difícil atopar mesa pero os pratos do menú estaban todos, sempre, á nosa disposición. Non somos expertos gourmands, pero ambolos dous sabemo-lo que nos gusta e valoramo-lo que custan os cartos. Polo comentario primeiro de que é unha cociña pretenciosa podería dici-lo mesmo de Pepe Vieira en Sanxenxo, ou de Marcelo, ou do Retiro da Costiña, e ninguén lle resta méritos á sua cociña. Quero dicir que as expectativas sobre estes restaurantes en ocasión vense lixeiramente defraudas, pero e que é difícil superarse a sí mesmo a diario. Con Pepe ocorre o mesmo, e tamén coa Casa dos Martínez. A nós encántanos a atención, o mimo, o coidado dos pratos, as intelixentes suxerencias de maridaxe… e aínda que teñamos pratos imborrables, sempre hai algo novo que nos fai voltar: a reinterpretación da tradición gastronómica galega coas miras postas na alta cociña máis avanzada. Casa dos Martínez, unha delicia.

  5. 4 / Xaneiro/ 2009

    Fantástico Gago, Fantástico…. estivemos hoxe aló.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará