Sistemas dixitais de información

Acaba de saír do prelo o noso último libro, Sistemas Digitales de Información, editado por Pearson/Prentice Hall. Coa participación de Xosé Pereira, Marita Otero e eu mesmo, e coordinado por Xosé López, Sistemas Digitales de Información ofrece unha panorámica da evolución do ciberxornalismo ao longo destes dez anos de historia dos xornais dixitais e incide en dous aspectos básicos que definen o quefacer e a concepción dos novos cibermedios: a arquitectura da información e a súa presenza gráfica no front-end, na zona visíbel para o usuario.

En La arquitectura de la información, ingeniería del periodismo, eu detéñome nun territorio fronteirizo: entre a programación e o código fonte, dunha banda, e o xornalismo doutra. Este terreo está a revolucionar definitivamente a práctica profesional nos medios dixitais e dá lugar ao que coñecemos como sistemas de xestión de contido ou sistemas editoriais. Neste momento, máis do 95% dos medios de comunicación en Internet contan con sistemas que establecen máscaras visuais que facilitan a interacción con complexos bancos de datos e que canalizan o traballo da redacción na súa saída para os soportes dixitais (web, móbiles, etc.). Sen embargo, en moitos casos, os xornalistas descoñecen este territorio intermedio e, polo tanto, non aproveitan as inmensas posibilidades de ofrecer mellores informacións aos usuarios. No capítulo, adapto ao campo do xornalismo o que os enxeñeiros Rosenfeld e Morville conceptualizaron no ano 1988 no seu libro Information Architecture: as noticias non son historias liñais e pechadas, senón espazos de semanticidade multidireccional. Agora, ensinámoslle aos sistemas editoriais a saber que unha noticia está relacionada con Bush, Zapatero, Boeing, Solana, Teherán, a aproximarse con reglas semiintelixentes a outras noticias, a anticiparse aos intereses do usuario.

Cunha razoábel arquitectura da información, as noticias xa non se inscriben para o día, senón que son importantes referencias de coñecemento que poden cobrar máis relevancia tempo despois de seren publicadas. O xornalista escribe e pode concebir historias xa dende unha dimensión temporal máis rica e múltiple, e para públicos que chegan dende ámbitos moi diferentes e fan usos das noticias variados, e lecturas diferentes en función do contexto e o soporte no que esa noticia se recupera.

Sistemas Digitales de Información tenta explicar que podemos aprender os xornalistas -de calquer soporte- tras 10 anos de experiencia en cibermedios, interactuando no día a día no estado máis próximo aos lectores e á tecnoloxía que teñan vivido nunca os profesionais da comunicación.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará