O Bet Falastín e as lendas urbanas contemporáneas

Last updated on 26 / Maio/ 2006

Todo o mundo pensa que Santiago de Compostela é unha cidade con moitas lendas. Que veña coa Traslación do Apóstolo, a Raíña Lupa, o bispo Xelmírez ou os túneis de baixo o Obradoiro! Vale, vale! Pero se cadra tamén habería que incorporar ao imaxinario público algunha das numerosas lendas contemporáneas, que son as que nos inventamos no día a día.

As lendas contemporáneas de Compostela, a diferenza das vellas lendas, non se escreben en pergameos nin se contan na invernía ao carón da careira, senón tomando un descafeinado de máquina, ás 11:30 da mañá, e nos 15 minutos de café establecidos e perfectamente regulados no convenio laboral.

Durante os 90 unha lenda urbana moi de moda en Santiago era a da visita secreta de Yasir Arafat. Chegaba un enteirado onda ti e dicía:

-Sabes que onte pola noite estivo Arafat en Santiago ceando no Vilas. De incógnito -esta última frase remarcada cunha negriña oral.

Que a finais dos 90 viña a ser como dicir Maxim’s, salvando distancias. O lugar onde teñen batido con gusto a queixada Xoán Paulo II, Helmut Kohl ou Fidel. Por suposto, o dato colorista do Vilas era importante, pero non definitivo. O remate da historia viña despois dun silenzo intermedio. O enterado mirábache abrindo moito os ollos e cun amplo sorriso de satisfacción. E aí chegaba o quid da lenda urbana contemporánea:

E comeu lacón con grelos –concluíanse, disfrutando do segredo da confidencia e da incongruencia relixiosa do líder palestino. Porque esa era a moralexa: os vellos estereotipos das lendas de mouros e cristiáns, mil anos despois.

Nunca souben a veracidade do conto, que tiña toda a pinta de ser pouca, pero como todas as lendas, conta cunha orixe verdadeira. No noso caso, o feito de que un dos cidadáns máis atesourados da cidade sexa Ghaleb Ghaber Ibrahim, un empresario de orixe palestina con abundantes negocios na hostelaría, no sector inmobiliario e no audiovisual na cidade compostelana e no resto do Estado. Ghaleb é un decidido activista da causa palestina e de tender pontes entre a cultura galega e a musulmana do Mediterráneo Oriental. Un dos seus negocios en Santiago é o Restaurante Bet Falastín (República Argentina, 5, 981 57 54 45), un espazo temático dedicado á comida tradicional palestina.

Nada máis entrar, un se dá conta do especial lugar no que se atopa. Un gran tapiz representando a Xerusalén parece repetir continuamente a vella demanda palestina sobre a cidade santa. A camareira leva un pin da liberación de Palestina. Algunhas postais tamén defenden a causa. O restaurante ofrece un sabroso percorrido pola comida palestino-libanesa a un prezo moderado (25$), especialmente pensado como un apretón de mans de benvida, ou unha carta de invitación. Non hai un risco especial, pero o percorrido, se un escolle a carta de degustación é equilibrado, abundante, sabrosísimo. Polo, año, humus, falafel, tabule libanés, pan de pita –desculpa non anotar todos os nomes tradicionais, pecadiño dunha noite especialmente vaga e distendida-, vexetais, prebes, cuscús, unha fervenza de sabores riquísimos e a oportunidade de volver probar viños do Val de Kebaa, no Líbano. Aí estaba o Château Kefraya, por exemplo, de primitiva artesanía enóloga pero cunha rica perspectiva árabe, que molduraba unha desinhibida explosión de sabores laterais especiados, atípicos nos viños do noso continente pero coherentes nesta fermosa comida de sabores e aromas. O postre era un tanto estraño: unhas natiñas con auga de rosas que saturaban ao pouco pero cun sabor inconfundíbel e moi agradábel.

-O único problema que ten esta comida –comenta un- é que non podo irme a cama xusto despois. Chéganme soños raros e pásome toda a noite enganchado nalgunha historia.
-Será a vinganza de Saladino –contestou outro.

As lendas, á fin e ao cabo, sempre volven. O Gourmet, por certo, ten unha detallada crónica.

10 Comments

  1. 24 / Maio/ 2006

    E que tal o cuscús? Levo tempo querendo ir e nunca atopo tempo (ou sempre é fin de mes)

  2. 25 / Maio/ 2006

    A ver cando podo chegarme a Compostela pra proba-lo. ¿Hai que reservar con (moita) antelación ou non é necesario?

  3. 25 / Maio/ 2006

    Castro, o cuscús está ben rico, pero ademáis hai algúns outros preparados nada habituais que te poden sorprender moito.

    Rivas, non adoita haber problema, aínda que non ten moito espazo (unhas nove mesas ou así). O mellor é que lles deas unha chamadiña antes por se acaso.

  4. 26 / Maio/ 2006

    Un dos meus preferidos en Santiago. O cuscús é bo, aínda que non espectacular, pero o menú degustación ten unha relación calidade/precio moi boa. E iso que subiú bastante no último ano e pico.

  5. Marsha
    30 / Marzo/ 2007

    Really nice and interesting website. Thank you a lot! Please visit my homepage:

  6. Steve
    30 / Marzo/ 2007

    Good site, nice design! Would you please also visit my site?

  7. Allen
    30 / Marzo/ 2007

    Hmm… sweet! [*../nice_site2.txt*]

  8. Helen
    30 / Marzo/ 2007

    Great looking site so far!! I’m just starting to look around it but I love the title page! Please visit my site too:

  9. 2 / Outubro/ 2007

    Coido que o cociñeiro que estaba no Bet Falastín abriu un restaurante no Castiñeiriño, chámase Petra: dúas cociñas. Haberá que probar :)

    Por certo, algunha vez comiches no Caney?

  10. 2 / Outubro/ 2007

    Ifrif, efectivamente abriron no Castiñeiriño ese Petra, co chulo sobrenome de “Casa de dúas cociñas”. Íalle facer un post un día destes, pero xa te adianto que se come ben comida árabe, aínda que de xeito peculiar. Non hai carta e só a sirve as fins de semana. Quere tantear se ten éxito. Eles póñenche sobre a mesa un montón de comida. Está moi rico e anda sobre os 17 euros.

    E o Caney é outro punto curioso. O Caney é un dos restaurantes máis gamberros de Santiago, porque é o que ten aberta a cociña ata máis tarde (polos pilotos dos últimos avións que chegan a Labacolla) e, xa que logo, recolle unha fauna curiosísima da noite compostelana. Ao Caney pásalle unha cousa moi curiosa: podes saír cunha factura normal (sobre 20 euros) se vas con racións de comida musulmana para compartir ou podes saír con outra de 40 euros se probas os platos occidentais dentro da mesma carta.

    A cociña palestina do Caney está moi ben, con produtos de primeira calidade: de feito, é un sitio ao que me gusta ir se saio tarde dunha función de teatro ou quedo tarde cos amigos. A min gústame moito. E a adega ten moi bo criterio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará