Santa Mariña de Augas Santas

A parroquia de Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz, é coma un inmenso plató no que se escenifica aínda a confrontación entre dúas relixións, a castrexa e a cristiá. A lenda, o mito, o marcado da paisaxe con favoritos culturais, non é un procedemento das guías turísticas, senón que se repite nas mulleres e nos homes do lugar, que coñecen con pelos e sinais a tradición. Isto non é nada habitual na Galicia de hoxe. Falando coa xente da parroquia, un ten a sensación de que o tempo se divide tan só entre o antes e o agora. De que os relatos aínda son queridos. E que os feitos que crearon a lenda tampouco sucederon en época tan remota.

Da cripta da basílica da Natividade, un templo supostamente inacabado na Idade Media, xa teño falado por aquí. Pero desta volta, recoñecemos o resto dos elementos míticos da lenda da mártir Santa Mariña, levados polos veciños da zona. Entramos na basílica do século XII de Augas Santas, un gran recinto románico, con pinturas renacentistas e policromías que sobreviven ao paso do tempo. Aparecen capiteis románicos, e mesmo algún romano, pinturas de ríxidos cregos dezaoitescos, santiños da arte popular, con cores rechamantes. Subindo ao coro un mira cara a cara capiteis románicos de seres transformados. Enfronte, unha gran reitoral na que a tradición afirma pasaba as vacacións o bispo de Ourense. Nela está a capela de Santo Tomé, cun cadro de gran formato pintado coa brochada do artesán popular e comesto nos recantos. No chan da capela levantas un portelo e aparece un dos tres pozos da lenda, creados cos tres golpes que a cabeza de Santa Mariña deu contra o chan trala súa decapitación –¿sóache de algo?. O segundo é unha fermosa e fresca fonte tralo presbiterio da igrexa. O terceiro está na casa dun veciño.

-Aquí, antes desta igrexa, había unha selva –dime unha devota recuperando esa palabra que parece doutra época no galego moderno.

A súa filla vainos abrindo as portas. Lemos na porta da igrexa a historia da tala do Carballo de Santa Mariña, nos anos 60. Era un carballo milenario, de gran envergadura, situado ao carón dos lugares sagrados da tradición. O cura mandouno talar. Aqueles que participaron na tala morreron ao pouco, cura incluído. O novo sacerdote non parece ter reparos en deixar que no taboleiro da igrexa colgue o aviso, case admonitorio.

-No alto da parroquia hai unha santa de pedra no medio do bosque. Un labrego dixo: “¿que fai esa santa aí sola no monte? Eu coidareina mellor na miña casa”. O labrego levou o carro para traer consigo a figura, pero os bois non se quixeron mover do lugar –dinos a moza. Co seu convencemento repítese esta mesma lenda dende as primeiras sociedades europeas. Bois que non se domeñan ao home cando é preciso marcar os límites da divinidade. – Hai pouco eu tamén vin outra cousa. Houbo un incendio. Queimouse todo o monte. Só se salvou do lume o lugar no que estaba a santiña, rodeada de acacias.

O bochorno fai máis espesas, se cadra, as fragas. Gabeamos ata o Castro de Armea, que está ao carón da basílica da Asunción. O espazo reducido onde habitaba o pagán que sacrificou a Mariña. Hoxe, o castro é un estrado de cachote contra mantas de arume, pero hai anos atopouse nel unha clásica figura de guerreiro castrexo, e trisqueis, e cerámica. Na parte de abaixo, aos pés do castro, rodeado por un valadiño de mampostería, un carballo dá sombra a dúas tumbas labradas na pedra, e que a tradición define como estanques nos que a meniña lavou as queimaduras.

Todo este lugar foi moi importante antes da cristianización–conclúe Resistencia- pero dun xeito que se me escapa.

3 Comments

  1. 20 / Maio/ 2006

    Por certo, a Santa Mariña naceu en Piñeira de Arcos (alí ten unha capela), no concello de Sandiás.

  2. 20 / Maio/ 2006

    Si, iso nos contaron as vellas da aldea. Sorprendeume moito como moita xente no lugar lembraba detalles moi concretos da lenda: compároos con moitos lugares do Barbanza na que os “detalles” das historias están perdidos.

  3. 17 / Decembro/ 2010

    estabame a interesar por Armeá cando dei con este artigo. Hoxe vou de excursión a Armeá, Bande (as termas e o campamento) e dado a túa nova entrada, a ver se localizo o mosteiro de Naves!! Graciñas por todo :)
    A pena é que os enlaces que ligaba este artigo xa non existen a maior parte deles :(

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará