Prepárense para un restaurante en boga

Restaurante bogaBacalao templadoCuberteria bogaFondue de chocolate con frutasMousse de mango con frambuesas

Máis movemento para o corpo compostelán! O restaurante Boga, en Santiago de Compostela (981592227) abre as portas na rúa Rosalía de Castro, a unha distancia inusual do núcleo gastronómico compostelán na zona vella aínda que preto dun notable e discutido templo da restauración (o Toñi Vicente). O Boga sorprende por unha coidada estética de formas sesenteiras, veludo dos setenta e oitenta e aluminio e luces baixas dos inicios deste século. A carta, non excesivamente ampla, como se estila nos restaurantes de ambición contemporánea, concéntrase na inspiración da cociña internacional e na combinación ambiciosa e creativa de ingredientes de uso doado cociñados sen grandes artificios técnicos. Foi o caso de Sao Mai, a quen lle tocou na lotaría da carta gastronómica un excelente bacallau a baixa cocción con pisto e crema de allo ou ao Vello da Montaña, que lle atacou sen pudor aos medallóns de solomillo de porco á canela con ameixas negras. Eu, un tanto perversamente, chequeei o xarrete braseado ao tradicional con crema suave de pementos e patacas ao forno, xa que é nesta peza de coidada cocción onde moitos establecementos perden a paciencia antes de tempo.

O resultado divirte e entusiasma. A carta de viños ofrece un espazo para a investigación de novas etiquetas: os donos fixeron un certo traballo para diferenciar a adega do contorno, aventurándose con viños de calidade pero insólitos ao non estaren distribuídos polas empresas de distribución clásicas na comarca. O máis sorprendente é o axuste do prezo: a 18 euros / persoa. Noutros lugares da cidade non se comería o mesmo por menos de 25. Pasade por alí, se podedes, e chamade antes se tedes pensado ir en fin de semana: neste momento están en plena fase de expansión viral e como sabes, aquí a marea sibarita da cidade móvese en canto ten oportunidade. Entrementres, non perdades o comentario técnico sobre o Boga que tamén fai Sao Mai, a quen lle manguei sen rubor estas fotos que aparecen no post. ;-)

2 Comments

  1. Anónimo
    16 / Marzo/ 2006

    Moi boa pinta. Haberá que probalo. O que pasa é que un dos donos, o que aparece de costas na foto de O Vello… estudiou conmigo e non nos levábamos moi alá, que digamos, así que sempre acaba por botarme para atrás a idea.

    Pero acabará caendo. Por certo, ¿Ti falaches con R ou con Kafka, que non me quedou claro?

    O Gourmet.

  2. 17 / Marzo/ 2006

    O que pasa é que somos excesivamente de Letras…seguro que Kafka se estudia no Esade, en Deusto, en Harvard e noutras carísimas escolas de negocios como parte das técnicas de supervivencia empresarial.

    Tampouco é tan extraño. A iso chámase “xogar ao despiste” e por estas terras somos moi afeccionados.

    Onte pregunteille ao señor-con-mono-de-telefónica:

    -¿Vai instalar o ADSL?
    -A ver que se lle pode facer… -comentoume con esta clásica mercadotecnia nacional…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará