Ultramarinos La Confianza

la confianza

Os Ultramarinos La Confianza (Praza do Mercado, Osca) son a tenda con decoración orixinal máis antiga do Estado: nada menos que de 1871. O comercio, que segue nas mans da familia, fermosea en cada recanto: frescos orixinais no teito louvando a actividade comercial, este cheiro espeso das tendas de antes; a sal do bacallao cortado tirada no mármore. Agora, a familia destapou as adegas de abaixo. Pídanlles que lles deixen visitalas: alí abaixo, entre recordos familiares e calendarios La Moderna dos anos 20, poderán ver unha enigmática parede, de cantería, está debaixo do claustro románico de San Pedro o Vello; baixo un metacrilato, aparece un río correndo baixo os nosos pés. É o nivel freático polo que transitan as augas subterráneas desta dura cidade aragonesa. Facede porque baixe convosco María Xesús, a rexente da tenda, e explicaravos o pequeno espazo da adega no que se refuxiaba, entre aquelas augas soterrañas, a poboación civil de Osca cando a aviación do exército republicano bombardeaba o cuartel de mando nacional que estaba na outra banda da praza. Ao facer a reforma, atoparon alí unha chea de cascos de bala.

Agora a bodega é un lugar de encontro no que figura unha excelente selección de Somontanos, unha denominación de orixe emprazada no centro de Osca. Esta denominación é coñecida por algunhas marcas como Enate, que controla mellor as técnicas do marketing que as da enoloxía. Aquí atópanse secretos máis interesantes: Viñas del Vero, Otto Bestué, Olvena ou Laus. Deixádevos asesorar.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará