L’Albar

Last updated on 13 / Febreiro/ 2006

Todo o mundo coñece esa sabia máxima: se entras nun restaurante de estrada e ves que está cheo de camioneiros, quédate tranquilo. Comerás ben, abundante e barato.

Pero ao entrar no restaurante L’Albar, de Mieres (Asturias), as miñas expectativas quedaron superadas xa na entrada. Porque ao pasarmos pola primeira das estancias, descubrimos comendo a un bispo e catro curiñas. Ai, amigo, e iso si que dá para confiar!

De feito, o restaurante L’Albar (985 468 445) entra con bravura no Capítulo 0 Hall of Fame. Porque nestes fogóns cocíñase ao xeito tradicional con mesuradas doses de innovación máis ou menos valente. Porque o seu ambiente é recollido, cálido, case como se comeras nunha solaina. Porque ten a mellor relación calidade – prezo que teño visto en pouco tempo.

L’Albar inaugurouse nunha casa vella ao carón do concello de Mieres e os propietarios optaron por non liberar a casa de tabiques e mantiveron a estrutura tradicional de habitacións da casa. Co cal as mesas vanse distribuíndo intimamente de a dous ou tres polas estancias, entre muros de pedra e empapelados clásicos. Alí, as mulleres de L’Albar ofrecen unha carta de manxares asturianos lixeiramente remodelados. Desta volta, eu metínme de cheo no menú especial de caza, por iso do carpe diem, de atrapar os fríos meses da montaña asturiana. E así puiden probar un fantástico veado con xamón ibérico, queixo e uvas pasas, sabroso como hai tempo non comera. O porco bravo de Sole, despois dun intelixente adobo, convertérase nunha carne lixeira e suave. Hai que dicir que antes nos recreamos aínda máis na festa do salvaxe, atrevéndonos co picadiño asturiano, os chourizos de veado e porco bravo, e esa cecina que nunca farto de comer.

A carta de viños, conservadora pero moi esmerada, achegounos sorpresas interesantes. A casa suxeriu un Font, un viño de Mont Sant, unha d.o. da que non tiña nin idea, pero que seica envolve ao minúsculo territorio do Priorat, un licor con forte consistencia ideal para acompañar unha mesa de caza. Mentres, as mulleres do Priorat desfacíanse en detalles, o sol filtrábase a través das cortinas e un rubor de felicidade deixábannos satisfeitos.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará