os problemas das webs públicas

Un estudio del Gobierno británico afirma que el 70% de sus páginas ‘web’ no están construidos de forma que cualquiera pueda acceder a ellos independientemente de su condición física o del dispositivo que use

En elpais.es.

É moi certo, en moitos lugares. A planificación da información nos sitios públicos é caótica, profundamente descentralizada e sen criterios unitarios, moitas veces dentro dos mesmos departamentos. O web da Unión Europea, por exemplo, é un labirinto. Á administración norteamericana non lle quedou máis remedio que crear FirstGov, hai anos, para tentar organizar o acceso á información pública. O goberno británico creou o directorio DirectGov para solventar problemas similares, aínda que xa tiña esa soberbia páxina do primeiro ministro que é Number 10. Un compañeiro de traballo mencionaba hai anos que as webs institucionais construíanse, moitas veces, como se fai ás veces o traballo nas comisións: quérese facer un camelo e ao final un réndese ante a evidencia do dromedario. No Estado, os últimos cambios nas webs dos diferentes ministerios profundizan na construción independente, lonxe das necesidades do cidadán. A enorme web da Xunta segue un camiño similar: pequenos reinos independentes e pouco conectados entre si, absolutamente multiformes e con moi diferentes graos de evolución telemática, algúns moi meritorios, outros cunha necesidade de cambio urxente.

Levo xa algúns anos traballando no sector da información pública en Internet e crédeme, non é nada doado organizar a información destes sitios, porque esta información sempre ten que conciliar as preocupacións e as estruturas administrativas internas co servizo ao usuario final. Ao crear unha canle web, en realidade modelas un complexo fluxo de servizos e información que debe estar consolidado no ritmo de produción da administración e no que hai que situar nomes e apelidos. Toda esta planificación leva tempo , prudencia e coidado.

Nos últimos anos, con todo, vivimos unha maior concienciación nestes aspectos. Algúns políticos responsábeis de organización comezan a comprender que o máis importante nunha web pública xa non é o “Saúda…” e na nova carreira, as partidas de investimento en información pública a través de Internet comezan a ser amplas. Os responsábeis técnicos dos departamentos comezan xa a saber o que precisan realmente da web- Na medida en que se pense nesas páxinas como lugares ‘centrados no usuario’ as súas posibilidades de rendibilidade social serán maiores. Pero, ollo, o secreto realista é conseguir conciliar esa rendabilidade social cunha mellora nas condicións de traballo dos responsábeis do sitio web, habitualmente tamén dedicados a máis procesos administrativos. Iso permitirá a expansión e o bo funcionamento do sitio de información pública. O beneficio colateral para tódalas partes facilitará a transición cara unha verdadeira administración dixital.

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará