once upon a forest

joshua
Lenzo para empapelar a parede: Once Upon a Forest: Joshua Davis

Coñecín ao creativo web Joshua Davis en Barcelona. Tiña o torso e as costas tatuadas de enriba abaixo: ensinaba as figuras pintadas no sangue sen rubor. Na súa caluga podías ver lapas verdes gravadas trepando ata o cráneo. Joshua, absoluto planeta desorbitado, entrou correndo no Auditorio Winterthur, deu un chimpo de gato para caer sobre o estrado e lanzou Once Upon a Forest (edición 2001) dende o seu Power Book negro. O OUF de aquela era unha prodixiosa combinación de sons e figuras fractais xeneradas de xeito aleatorio vía Flash, formas de vida imposíbeis que recreaban unha bioloxía nacida da matemática, da causalidade creadora e da caótica, na que o impulso do creador se basea no parámetro e non no pincel. É unha magoa que este tolo non permita o acceso a estas belas reliquias no magnífico sitio corporativo do seu estudo.

Davis cultivaba o divismo: alí, no alto do estaribel, ergueu a man e amosou unha caixa negra con CDs. “Esta é unha copia do meu disco duro”, díxolle a unha audiencia de mociños deseñadores web, con coidada apariencia de deseñadores web (edición 2001), que debecían polas súas palabras, “ao cambio debe valer unhas 7.000 pesetas. Non vos preocupedes: traio unha mochila enteira”. Ao rematar de presentar as súas experiencias imposíbeis, os mociños deseñadores asaltaron o estrado cos billetes na man. O seu segredo seguro que non estaba neses cds. Só el tiña a paciencia de pasar horas gravando a pingueira do seu radiador e distorsionándoa con Protools. Ben, el e Servando Barreiro, claro.

O novo Joshua diversificou os seus experimentos. Como case todos nesta profesión, da exclusividade web evolucionou tamén cara soportes impresos, audiovisuais, instalacións. Aínda segue preocupado pola exhuberancia, as liñas curvas e as texturas. Pero do polígono pasou á vexetación e substituíu vectores por pistilos. A edición 2003 do Once Upon a Forest é un percorrido por esta natureza reinventada. En decembro, os traballos de Davis poderanse ver na Maxalot Gallery de Barcelona.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará