método de aprendizaxe de linguas

É un tópico tan estendido pero tan incríbel que non deixa de sorprender cando un o vive diante súa. En Amsterdam todo o mundo deféndese en inglés. Mellor ou peor, con máis vocabulario ou menos, pero ti fas a proba: preguntas a un vello, a un mozo, a un arxentino inmigrado. Todos se defenden nesa lingua. Este pequeno país de navegantes non ten problemas en asumir idiomas foráneos sen excesivos prexuízos mentres traballan e se desenvolven coa súa propia. Moitas veces me teño preguntado por que, despois de escolarizarnos once anos de materias en inglés, os galegos saímos cun nivel absolutamente deficiente desta lingua, clave para o noso futuro.

Marianne é unha holandesa alta que fala español con acento galego. Pregúntolle cantas horas de clase de inglés teñen á semana no país.

-Coido que tiñamos só tres-ao ver que a observo con escepticismo, completa a frase –non te enganes, Manolo. O tema da lingua non está na clase, senón na tele. Vemos todas as series en versión orixinal.

O exemplo holandés, similar ao portugués, está aí enfronte, claro. Nas eternas discusións entre partidos, asociacións, colectivos e igrexa sobre o ensino público continúase a debater o problema máis bizantino que atinxe á educación no século XXI: a relixión. Pero nunca verás manifestarse e vociferar a pais tan preocupados e alterados sobre matemáticas, ciencias, linguas ou a eterna deficiencia en idiomas. Ben sei que estou errado: todo o mundo sabe que o reconto de apóstoles é máis relevante que o inglés para o futuro profesional dos nosos estudantes.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará