o noso dominio

Last updated on 16 / Outubro/ 2005

Xograr ten razón, animando a que volvamos a facer campañas para tentar conseguir de novo un dominio de máximo nivel para Galicia (por exemplo, www.manuelgago.gal).

Hai bastantes anos, debeu ser a mediados dos noventa, un grupo de xente iniciou a campaña “Top level domain for Galiza”, coido que ao mesmo tempo e incluso antes que os cataláns co seu PuntCat. Foi hai tanto tempo que case ata custa atopar información sobre a campaña en Google. O PuntCat, por certo, é a asociación que vertebrou a campaña que convenceu á ICANN da necesidade dun dominio para a comunidade lingüística catalana.

O traballo daqueles promotores dun dominio .gz tivo todo o mérito do mundo, porque facer de aquela o exercicio de explicación á sociedade da importancia estratéxica de que Galicia contara cun sufixo de seu na web non era cousa doada. Agora sería un bo momento para retomar ese espírito, sabendo que contamos con mellores condicións que a mediados dos 90:

-a extensión social de Internet é superior.
-a presenza do galego na Web é considerábelmente maior e pode soster unha interesante malla viral de páxinas particulares, públicas e de entidades.
-Ao mesmo tempo, comeza a haber unha preocupación crecente por incrementar a presenza do noso país no mundo en diferentes ámbitos, e non só culturais ou políticos.

Que os cataláns o conseguiran antes é unha oportunidade: así podemos falar con eles e aprender dos seus pasos en falso e os seus acertos.

¿Que vos parece? ¿Volvemos tentalo?

Actualización 16/10: En redegalega.org teñen un montón de foros activos para debater este tema.

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará