os libros electrónicos da British Library

alicia

A British Library estrea un novo formato de visualización dos seus magníficos fondos manuscritos, agora dixitalizados. “Turning the pages” é un sistema de visualización de primeiras e valiosas edicións dos seus fondos. Como o seu nome indica, o sistema de navegación é metafórico, e simula en pantalla a experiencia de lectura analóxica, baseado no ‘pasar de páxina’. Non deixa de ser un xogo un tanto torpe, ao meu ver. En primeiro lugar, porque emprega Shockwave, unha tecnoloxía en claro retroceso e que adoita precisar unha instalación suplementaria aos navegadores bastante latosa, cando podía ter sido feito perfectamente en Flash, unha tecnoloxía máis estendida, ou directamente en Ajax, sen artificios estraños.

En segundo lugar, porque a propia navegación ‘metafórica’ está en entredito: ¿por que temos que reproducir o movemento de pasar páxina cando podemos pulsar unha tecla? ¿Quen realmente, hoxe en día, precisa desas metáforas para comprender o que está vendo? ¿Non interesa máis esforzarse en atopar outras utilidades para explorar o volume? Probade, probade a pasar páxina, xa veredes que non é cousa doada. En terceiro lugar, a resolución de pantalla parece ser un problema: preocupados por introducir o volume nunha única pantalla, a interface non se axusta á resolución e a ferramenta de magnificación, para ver en detalle, é un tanto rudimentaria.

Todo iso non quita que non sexa unha gozada ver o manuscrito orixinal de Alicia, os bocetos de Leonardo e o mapa de Mercator, por suposto. Só que hoxe estou algo roñón. :-)

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará