As axencias fotográficas teméronlle durante bastante tempo á copia dixital. Os fotógrafos, que viven disto, temeron moito tempo expór as súas fotografías a un tamaño razoábel nas súas webs. Aínda hoxe pódense ver moitas webs de fotógrafos galegos con raquíticas imaxes a 250 píxels de ancho inzadas de sinaturas e marcas de auga. O motivo é a prevención -por outra parte natural- contra o uso dispensado das imaxes por parte de xente con poucos escrúpulos.
Paréceme, sen embargo, que ese temor tiña que ver máis co propio medo á rede que co dano real. Nos últimos anos, moitos fotógrafos descubriron que a rede é unha excelente canle para facerlle un pinchacarneiro aos intermediarios. As fotografías comezaron a facerse grandes e a concebir, dunha vez, á pantalla como superficie expositora final e non un mero recinto transaccional.
Penso isto mentres visito as excelentes exposicións en liña da axencia Magnum, agrupadas en Magnum in motion. A mítica axencia aproveitou as posibilidades do multimedia para introducir unha serena escolma de efectos e textos que incrementan o valor das fotos. Gostei moito de “Satélites”, sobre as ex repúblicas soviéticas e “Terra e identidade” , sobre os movementos dos sen terra en Sudamérica.
Be First to Comment