cargando a adega

Estamos no casco vello de Zaragoza, probando unhas espléndidas tapas de tradición aragonesa reinventada. Ignacio cóntame:

-Cando apareceu en Francia a epidemia de filoxera, no século XIX, boa parte das adegas galas tiveron que pechar. Moitos mestres franceses baixaron ata a Rioxa, que xa de aquela tiña unha sonada tradición de vides, para facer viño de acordo coas técnicas que se empregaban alí. O viño mellorou notablemente. Andando por algunha vila, eu aínda teño visto placas e avisos ás entradas dalgunhas rúas e prazas. Alí aínda se podía ler que se prohibía o paso aos carros a eses lugares. O motivo era que as vibracións das rodas molestaban a crianza do viño que estaba nos soterraños das adegas. Manda truco, fíxate que coidado puñan.

O certo é que os viños franceses son un prodixio de calidade, que en parte ten que ver cunhas condicións privilexiadas de cultivo pero, sobre todo, co meticuloso procedemento de elaboración. Un pode atopar a dous euros e medio caldos polos que pagarías en Galicia oito euros como mínimo nun equivalente Ribera del Duero, por exemplo e que fan pensar por que demo algúns dos nosos mencías atrévense a fixar exhorbitantes prezos de 9 euros por líquidos de discutíbel calidade. Fixemos un saqueo sistemático das adegas e trouxemos connosco pequenas e baratas marabillas de Burdeos, das Cotieres de Nimes, do Languedoc, de Corbières. Mención especial mereceu, obviamente, desta vez o viño corso. Hai moitas áreas de produción. As grandes son, sen dúbida, os viños do Cabo Corso, ao Norte, onde figuran as caras adegas de Patrimonio; as da chaira de Aleria, ao Este, onde vive a tribo da uva autóctona, e as denominacións do Oeste, próximas a Ajaccio.

Esta uva autóctona, representada polas Niellucio e Sciacarello para os tintos e Vermentino para os brancos, é de contundentes golpes florais, propios sobre todo para unha primeira impresión. O seu gusto é bastante diferente á cepa tradicional, coma se fose un viño moi antigo, moi especiado, case como deberon ser os viños da antigüidade clásica. Este golpe inicial non se acompaña, sen embargo, cun corpo e profundidade posterior e o retrogusto é cativo e pequeno. Sen embargo, a combinación de niellucio con variedades continentais con máis corpo dá lugar a fantásticos resultados. Probeino nun Terrazza Isula que mestura niellucio con merlot e o resultado é excelente.

A miña idea será enviar algunhas botellas para o sotarrego durante un par de anos e logo probar, a ver que pasa. Xa vos contarei para de aquela.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará