Edimburgo, ouh Edimburgo

vista dende o castelo

Poucas cidades coma esta. Construída sobre basalto, volcáns e depresións. Militarizada e cadriculada na expansión victoriana. Chea de romantismo, goticisimo, avangarda. Chegamos co Festival –ou deberiamos dicir festivais- a piques de empezar, e a sensación é dunha sopa a punto de rachar a ferver. As rúas cubertas a todas horas. Os anuncios vivos das representacións na milla real. Percorrémola de arriba abaixo. Ao solpor, o xardín botánico estala en mil arrecendos, as ateigadas e escuras rúas do casco vello transforman ás persoas en performances e no esquencido cemiterio de Old Catton os adolescentes góticos fan botellón ao redor da tumba de David Hume. Pouco a pouco un vai caendo neste fascinio do día e da noite.

carteis

Unha noite de primeirizo en Edimburgo é extenunante polo intensa, longa e a voracidade que esperta chimpar de local eln local. A música en vivo é algo que non se pode perder. Falamos de moitos grupos, de estilos diferentes e unha calidade máis que boa. En calquera recanto de local improvísase unha jam desenfrenada. Facendo unha reflexiva investigación para este blog chegamos ás seguintes recomendacións de garitos por se vos cadrara por pasar pola cidade nestas vacacións

O Villager, un bo lugar para unha primeira copa. Ambiente decadente, coidadosamente elegante nas formas, pijete na audiencia, cunha certa ansiedade grupal e boa música funky, entre outras. Se o teu rollo é Sexo en Nova York, este é un lugar que non se debe perder.

O Underbelly é o sorprendente cuartel central do Festival. Un edificio nunha estética semirruinosa aparente que en cinco plantas diferentes recrea ambientes, representacións, concertos, salas de baile, espazos para agruparse ben de preto e outros para alternar co mundiño cultural cunhas garimbas no chan e, se un quere, tirando na alfombra. O seu xemelgo compostelán sería o Atlántico.

O Espionage, na imprescindíbel Victoria Street, é unha catacumba de moita sona local. Sería o equivalente á zona nova compostelana, á marcha boirense, viguesa ou coruñesa. Diferentes discotecas metidas nun único subterráneo con certo toque garruleitor escocés que é divertido comparar coa experiencia local.

A guinda do pastel edimburgués é sen dúbida, o Cabaret Voltaire. Descubrímolo practicando o coling. Basicamente, consiste en que se non coñeces unha cidade, e observas nunha rúa unha cola chea de xente interesante, ti deberías ser o seguinte en pórte nela. Deste xeito, e despois dun cacheo a fondo, penetramos nun garito labiríntico cun concerto de música electrónica, centos de victorias beckham, ambiente desenfrenado e tolo. Parecía que a multitude sufrira o pánico da fin do mundo e se negara a ficar na casa a agardalo de brazos cruzados. Na pista, máis que unha sesión, o que había era un estraño cocido electrónico en forma de concerto hipnótico. unha certa sensación de que se acaba o mundo e non me podo quedar na casa con esta pinta. Decidimos integrarnos na apocalipse.

Se vos apetece ter a foto panorámica de arriba en grande, mandádeme un correo.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará