o godello ábrese camiño

O mundo do viño móvese por modas, como todo. O positivo que teñen as modas é que permiten centrar a atención nunha variedade ou nunha comarca con ollos moi atentos. Adoita ocorrer que se trata de zonas de longa tradición vinícola, pero de viños destinados ao consumo interno, de mesa, de taberna e pouco prestixio nas mesas de restaurante. Se os adegueiros son quen de reconverter a forza de tradición nun produto máis elaborado e resisten a presión dos moitos ollos concentrados, o seu futuro pode estar garantido. Pasoulle nos 80 a Ribera del Duero -grazas ao gurú Robert Parker, en principio, cando esfarelou o seu maná sobre Tinto Pesquera-, tamén lle ocorreu no seu momento ao noso Mencía lugués; sen embargo, este é o momento de Toro, de Jumilla, de Rueda ou do brillante futuro do mencía do Bierzo.

O godello de Valdeorras viña soando para un despegue dende hai meses: un sábeo polas conversas, polos comentarios, polas recomendacións de carta. Recoñezo que, agás o Galgueira do que falei hai pouco, o godello non me inspiraba escesiva credibilidade. O Guitián, por exemplo, paréceme un viño de pouco carácter e o branco de Rebolledo provocárame unha certa indiferencia -ollo, non así os seus tintos, pero iso xa é outra entrada.

Sen embargo, como digo, as cousas están cambiando. O outro día puidemos ver a excelente noticia da aparición de Viña Godeval entre os cen mellores viños do mundo de baixo prezo -seguida da inmediata desaparición da súa dispoñibilidade e prezo das viñotecas de Internet. Wine Spectator acáballe de cambiar a vida a esta xente e, posiblemente, á denominación de orixe. As colleitas dos vindeiros dous anos deberán asentar á denominación de orixe Valdeorras como algo independente, de carácter. Os adegueiros deberán facer fronte a un incremento de demanda manexando unha superficie de produción tan limitada coma a de Valdeorras. Será un momento interesante. Pola miña conta, xa teño programada unha viaxe ao mosteiro de Xagoaza a verlle as verdades ao famoso líquido.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará